Demetrio Gómez, concelleiro de Mobilidade e Obras Urbanas en Pontevedra, anunciou este venres que a Deputación executa ao longo desta xornada as obras para mellorar a senda peonil na Rolda Leste, seguindo o establecido no proxecto redactado polos servizos técnicos municipais.
Esta estrada que leva en funcionamento un mes mellorouse nestes últimos días coa creación dun paso de peóns, tras o malestar manifestado pola veciñanza, e coa ampliación da senda peonil derrubando un muro e prolongándoa para conectar coa rúa Pedra do Lagarto.
Cada día, segundo os primeiros datos obtidos polo Concello, circulan por esta vía unha media de 4.541 vehículos. Demetrio Gómez entende que esta cifra mostra que se trata dunha infraestrutura necesaria e que está a atender as demandas de tráfico que existían.
Con todo, tamén se detectou que a velocidade media dos condutores sitúase en 60 km/ h cando esta Rolda Leste atópase incluída na regulación de 30 km/h das vías de titularidade municipal. A velocidade máis elevada rexistrábase ás 03.00 horas da madrugada, alcanzando os 67 km/h. e durante o día, a media sitúase ao redor do 55 km/h., segundo explicaba o concelleiro de Mobilidade.
Ante esta situación, desde a concellería trasladouse a orde á Policía Local de Pontevedra para que se coordine coa Garda Civil, responsable da seguridade viaria nesta estrada, para que leven a cabo controles de tráfico de maneira inminente para regular a velocidade dos vehículos nese tramo, que carece de "lombos" para acougar a circulación de tráfico.