Anuncian concentracións en ENCE ante o despedimento "por represión sindical" dun traballador da contrata APPLUS+

Pontevedra
23 de decembro 2022

Os representantes sindicais denuncian o despedimento o 15 de decembro de Jacky Tupai, un engraxador mecánico que se atopa de baixa médica, despois de máis de 20 anos traballando na fábrica de Ence en Lourizán. A empresa alega unha redución de beneficios da contrata pero desde Comisións Obreiras e a coordinadora de Auxiliares de Ence sinalan que APPLUS+ obtivo beneficios durante 2021 de ata case 100 millóns de euros. Reclaman a readmisión inmediata do traballador

Carteis demandando a readmisión de Jacky Tupai en APPLUS+, auxiliar de Ence
Carteis demandando a readmisión de Jacky Tupai en APPLUS+, auxiliar de Ence / Trabajadores Auxiliares de Ence
Denuncian o despedimento de Jacky Tupai, traballador de APPLUS+, por represalia sindical /

APPLUS+ é unha empresa contratada por Ence para realizar servizos na fábrica. O 15 de decembro esta entidade, con sede en Vigo, despedía a Jacky Tupai, un traballador que se atopaba de baixa médica e que leva máis de vinte anos desenvolvendo o seu labor como engraxador mecánico na fábrica de Ence en Pontevedra. Segundo a empresa auxiliar, o despedimento responde a un redución de beneficios. Para Comisións Obreiras e a Coordinadora de Empresas Auxiliares de Ence, o motivo responde a unha acción de represión sindical.

Jacky Tupai afirmaba este venres a PontevedraViva que o seu caso está denunciado ante os tribunais de xustiza e reafirmábase nas súas reivindicacións: "eu vou loitar polo meu posto de traballo. Estou a defender o meu dereito e o dos meus compañeiros". Na súa comparecencia estaba acompañado por Omar Vázquez, secretario de Acción Sindical de CCOO; Juan Carlos Esperón, delegado do Comité de Empresa da fábrica de Ence; e por José Carlos Serantes, portavoz da Coordinadora de Empresas Auxiliares da factoría.

Desde CCOO entenden que o despedimento responde as pretensións da empresa para non pagar algúns conceptos retributivos que se recollen no Convenio Colectivo. Culpan a Óscar Reboredo, xefe do departamento mecánico de APPLUS+ en Galicia, de presionar ao persoal para que renunciase ao seu salario por escrito durante o ERTE que Ence acometeu, meses atrás, para que a subcontrata non tivese que aplicalo alegando que "iso prexudicaría ás accións en Bolsa" da compañía.

Tupai, xunto a outros traballadores, tamén se negou cando o mesmo xefe do departamento, o 25 de novembro, ameazou persoalmente con despedimentos e modificacións das condicións de traballo se non aceptaban seguir realizando gardas e horas extra sen cobrar. 

Os representantes sindicais consideran unha "escusa" as causas económicas para executar o despedimento porque, alegan, APPLUS+ duplicou en 2021 os seus beneficios ata case 100 millóns de euros. Advirten, ademais, de que esta auxiliar recorta servizos e modifica unilateralmente as condicións da contrata con Ence para aumentar os seus beneficios empresarios despedindo a un traballador que é considerado "referente" para o persoal.

O comité de empresa de Ence trasladou o problema deste traballador á dirección da fábrica de Lourizán, que indicou que tentarían mediar no conflito pero que a entidade pasteira "contrata servizos e non traballadores" ao realizar estes contratos, indicou Juan Carlos Esperón, delegado de CCOO.

Fronte a esta situación, desde as seccións sindicais de Comisións Obreiras na fábrica de Ence e a Coordinadora de traballadores auxiliares, anuncian concentracións reivindicativas a partir da última semana do ano tanto na entrada da fábrica de Ence en Lourizán  como na sede de APPLUS+ para esixir a readmisión de Jacky Tupai e a revisión das condicións de traballo do persoal desta empresa.