Anuncian a substitución das figuras decorativas de Buda roubadas polos vándalos en Vilagarcía

O Salnés
08 de decembro 2022

O Concello lamenta a falta de civismo dunha minoría que atenta contra a decoración de Nadal. As pezas desaparecidas serán substituídas por outros elementos relacionados con estas festas. O goberno local tamén anuncia a celebración da primeira Papanoelada en Bici para este domingo 11

Cartel da primeira Papanoelada en Bici de Vilagarcía
Cartel da primeira Papanoelada en Bici de Vilagarcía / Concello de Vilagarcía de Arousa

O roubo dasfiguras de Buda e dun oso polarnos xardíns efémeros situados en Vilagarcía de Arousa como elementos decorativos para estas festas provocou o malestar no Concello que lamenta a "falta de civismo dunha minoría" ao atentar contra estas pezas e causar diferentes danos.

Entenden que estas accións mostran unha falta de respecto cara ao esforzo do persoal que participou nestas montaxes e tamén ao diñeiro público investido para que as rúas do municipio ofrezan un aspecto dinamizador tanto socialmente como para a economía local.

Ante esta situación, o goberno local anuncia que as figuras de Buda dun dos xardíns efémeros serán cambiadas por outros elementos relacionados con estas festas.

PAPANOELADA EN BICI

Ademais, o Concello anuncia que este domingo 11 de decembro celebrarase a primeira edición da Papanoelada en bicicleta, unha actividade para a que piden a participación de todas as familias do municipio. 

A proposta é que escolares e adultos acompañen a Papá Noél vestidos cunha indumentaria similar e realicen un percorrido por Vilagarcía.

A saída está prevista nos Tilos, avenida Rodrigo de Mendoza, ás 11.30 horas.