Antonio Casal: "As persoas con coñecementos técnicos saben que as coliformes non teñen nada que ver con ENCE"

Pontevedra
13 de maio 2014

O director de Ence en Pontevedra insta á creación dunha mesa de traballo sobre a Ría na que haxa presenza do sector da pesca e o marisqueo, as administracións públicas, a sociedade civil e outras empresas vencelladas

Antonio Casal, director territorial de ENCE
Antonio Casal, director territorial de ENCE / Mónica Patxot

O director de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, desvinculouse este martes das últimas acusacións realizadas pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR), que asegura que a pasteira está a verter materia orgánica e que a carga de bacterias coliformes fecais inflúen "decisivamente" na clasificación do banco marisqueiro de Lourizán como zona C.

Antonio Casal asegura que a presenza de coliformes fecais é o principal problema ambiental da Ría de Pontevedra, pero desvincula a pasteira de Lourizán desta situación, pois "todas as persoas que teñen coñecementos técnicos saben que as coliformes non teñen nada que ver con Ence nin co proceso polo que a madeira se transforma en pasta de papel totalmente libre de cloro. Nada de nada". 

Dado o impacto das coliformes na actividade marisqueira, este fenómeno ten repercusións de carácter económico, de modo que Antonio Casal insta á creación dunha mesa de traballo sobre a Ría na que haxa presenza do sector da pesca e o marisqueo, as administracións públicas, a sociedade civil e outras empresas vencelladas.

Na opinión do director de Ence, os niveis de coliformes nunha parte da Ría deben ser un obxectivo común contra o que sumar esforzos e o traballo conxunto debe facerse "dende unha perspectiva seria, responsable, rigorosa e á marxe de accións propagandísticas".

"Trátase dun tema demasiado importante como para que siga sendo utilizado por intereses políticos ou de calquera outra índole", valora e aclara que Ence non emprega no seu proceso industrial materias primas que teñan un contido "sequera minimamente substancial de coliformes".