Antón Sobral coordinará a Bienal de Arte da Deputación de Pontevedra

Pontevedra
16 de xuño 2024

Coa recuperación da Bienal, a institución provincial pretende impulsar Pontevedra como "cidade da cultura e referente nacional e internacional e coma un destino turístico imperdible"

Antón Sobral
Antón Sobral

A Deputación contratou ao artista marinense Antón Sobral como coordinador xeral da Bienal de Pontevedra. A Plataforma de Contratación do Sector Público publica a adxudicación deste contrato menor por 12.314 euros.

O Museo de Pontevedra ten previsto celebrar a Bienal de Pontevedra, por encargo do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez "coma escaparate para a creatividade e o talento da nosa rexión e a promoción do intercambio cultural, o diálogo e a colaboración entre artistas locais, nacionais e internacionais, nun mundo cada vez máis interconectado". 

Coa recuperación da Bienal, a institución provincial pretende impulsar Pontevedra como "cidade da cultura e referente nacional e internacional e coma un destino turístico imperdible". 

A Bienal de Pontevedra, como mostra periódica e de acordo cunha tese aceptada nos seus plantexamentos globais debe responder non só ó contexto dunha estética, que os responsables do evento consideran axeitada ó momento no que se vive no circuíto artístico internacional, senon tamén o propio marco de acontecementos actuais condicionados pola situación socio política, económica e cultural. 

O informe xustificativo da contratación de Antón Sobral, emitido pola Xefatura de Xestión do Museo de Pontevedra, explica que dentro das tarefas de organización deste evento, as funcións de concepción, dirección, supervisión, xestión, mediación e divulgación serán realizadas polo comisario xeral da Bienal.

Non obstante, "dada a imposibilidade de que unha única persoa sexa capaz de levar a cabo con éxito a disparidade de actividades, a persoa que exerza o comisariado precisa colaborar con outros profesionais na realización do proxecto, sendo preciso contratar unha coordinación da programación da Bienal que ademais contribúa o desenvolvemento do proxecto expositivo". 

O coordinador da Bienal terá unha relación directa co comisario xeral, "que deberán entenderse e traballar na mesma liña formando parte do fío condutor da mostra posto que deberá plasmar as ideas do comisario na exposición e transmitir o traballo creado das artes visuais.

Os responsables do Museo sinalan que esta institución "non conta de seu con persoal que poida realizar as tarefas propias de coordinación da Bienal" por ser preciso contar cun perfil profesional que, co conforme do comisario xeral, sexa "un reputado investigador, coñecedor e crítico de arte". Por iso, o Museo precisou acudir á contratación deste perfil profesional.