O presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), Antón Masa, apuntou que "Ence demostra unha vez máis o cariño que lle ten a Pontevedra ao facer os seus investimentos fóra". Dito isto lembrou o rexeitamento deste colectivo á implantación dunha planta de biomasa en Lourizán e á continuidade da fábrica no seu actual emprazamento.
"Estamos moi contentos porque non se faga, pero a realidade é que Ence está a incumprir o seu compromiso plasmado nese pacto ambiental coa Xunta, mentres que esta mira para outro lado", afirmou Antón Masa.
Desde o colectivo ambientalista sinalan xunto á paralización da planta de biomasa outros "incumprimentos" como que "non invisten na rehabilitación do Pazo de Lourizán" nin entregaron "os millóns comprometidos no ano 2016" para colectivos sociais e "non só non crearon postos de traballo senón que os destrúen" nunha alusión a unha recente denuncia do sindicato Comisións Obreiras.
Masa lamentou que agora Ence vaia a fabricar máis toneladas de pasta de papel en Lourizán, "Ence vai a gañar máis e vai a contaminar máis e ese é o seu compromiso para Pontevedra", sentenciou o presidente de Defensa da Ría.