Así é a antiga finca de Fenosa onde se proxecta a comisaría da Policía Local

Pontevedra
27 de marzo 2025

Xa se fixeron os estudos topográfico e arquitectónico, e os técnicos conclúen que "o estado de todas as edificacións existentes é bo". A Xunta de Goberno coñeceu a situación do expediente

Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro / Pontevedra Viva

Na Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra celebrada este xoves deuse conta da situación do expediente relativo á adquisición dos edificios da parcela de Fenosa en San Amaro.

O Concello acordou a compra desta parcela situada entre o cemiterio de San Amaro e o depósito do guindastre municipal, pola que vai pagar 1,2 millóns de euros, coa idea de que acolla o futuro edificio de emerxencias onde estaría a comisaría da Policía Local.

Segundo informou a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, este asunto "é unha prioridade deste goberno".

"Imos a un ritmo extraordinario á hora de executar todos os trámites e todos os estudos necesarios para intentar traballar xa in situ canto antes nesta parcela", asegurou Villaverde. 

Polo de agora xa se fixeron os estudos topográfico e arquitectónico, e os técnicos conclúen que "o estado de todas as edificacións existentes é bo".

Antiga finca de Fenosa
Antiga finca de Fenosa

En total, a finca ten unha supercicie de 17.534 metros cuadrados e cinco naves edificadas que ocupan 6.168 metros cadrados construidos dos que, máis da metade, 3.770 pertencen á nave central.

Non está escriturada ainda a nova titularidade do Concello de Pontevedra. "Estamos pendentes do notario", dixo Eva Vilaverde que confía que "en breve" se faga este trámite "porque todo o proceso previo está moi avanzado e preparado" para poder escriturar, rexistrar e pagar a compra. "O resto está todo enfilado xa", engadiu.

Segundo foi sinalando a concelleira, na parte dianteira da finca atópanse os restos da pérgola que facía de aparcadoiro para os vehículos de Fenosa.

Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Restos da pérgola nas instalacións de Fenosa en San Amaro    PontevedraViva

Esa pérgola está en moi malas condicións despois de que un temporal a derrubase.

É a estructura máis débil de todo este complexo, a que está en peores condicións e tamén "o que menos nos importaba de todas as edificacións existentes", admitiu Eva Vilaverde.

Como carece de utilidade esa pérgola será eliminada.

Despois da pérgola está o primeiro edificio onde estaban as oficinas de Fenosa.

Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Edificio das antigas oficinas de Fenosa en San Amaro    PontevedraViva

O inmoble ten tres alturas e unha planta baixa. A planta baixa e primeira teñen unha superficie de 684,48 metros cadrados cada unha. A planta segunda é un pouco mais pequena con 378 metros cadrados.

En total este edificio dianteiro de oficinas ten 1.746,96 metros cadrados edificados.

As divisións internas están en malas condicións, incluso está todo medio baleiro, derruído, pero a cimentación e a estrutura do edificio é "aproveitable". 

Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Edificios intermedios nas antigas instalacións de Fenosa en San Amaro   PontevedraViva

Despois hai unha serie de edificacións intermedias que son máis pequenas e "que se poden utilizar como almacén ou se poden dar diversos usos", dixo Eva Villaverde.

Teñen 651 metros cadrados.

"Están máis degradadas e faría falta un maior investimento, pero sí que se pode manter a estrutura se se considera apropiado", indicou a concelleira.

"Haberá que mirar se interesa mantelas ou non, e de que maneira, ou ampliálas ou ver que se pode facer tamén en función dos usos urbanísticos", engadiu.

Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Nave central nas antigas instalacións de Fenosa en San Amaro    PontevedraViva

E, ao fondo da parcela está  a nave central. "Sen lugar a dúbidas, é a edificación que está en mellores condicións de todas", destacou a responsable de Seguridade cidadá, "por iso digo que nos levamos unha alegría".

Esta nave supón máis da metade da superficie da compra que fixo o Concello e ademáis de ser a edificiación que se atopa en mellor estado "é a que máis precisamos con maior urxencia porque é onde poderiamos situar o depósito da grúa e o garaxe para os coches históricos dos bombeiros".

Esa é a intención inicial do Concello "pero en todo caso, hai que estudalo mais polo miudo para ver o desenvolvimento desta parcela e das súas edificacións", precisou.

Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Interior da nave central nas antigas instalacións de Fenosa en San Amaro   PontevedraViva

Os técnicos sinalaron que esta é unha edificación "bastante moderna", que pensan que é "moi utilizable e moi funcional". 

Na nave hai dúas plantas aproveitando a pendente do terreo. A parte traseira ten outro acceso distinto.

A planta constaría de 2.470 metros quadrados, ten un sótano de 1.300 e a superficie total é de 3.770 metros cadrados.

"Soamente por esa nave merece a pena", destacou Eva Vilaverde, "é espectacular".

Entre outras actuacións, a concelleira xa asume que "haberá que mellorar a cuberta porque ten moitos anos". No catastro indica que é do ano 1984.

Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro PontevedraViva

Na Xunta de Goberno deste xoves marcouse a folla de ruta "para seguir traballando coa prioridade que se merece este asunto".

Así, o seguinte paso será elevar a acordo plenario a modificación do uso urbanístico para adaptalo ás necesidades de utilización que quere facer o Concello nesa parcela.

De manera paralela a ese acordo plenario, o goberno local encargará o Plan de usos e o Programa de necesidades, para ordenar toda a parcela e os edificios en función da utilización que se poida facer deles, dos accesos e mesmo da contorna.

"Eu creo que este é momento máis crucial de todos para marcar esa folla de ruta", valorou Eva Vilaverde. Polo de agora, o goberno local non quere falar de prazos "é demasiado arriscado".

Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro
Antigas instalacións de Fenosa en San Amaro