Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, visitaba este martes o Parque da Palmeira, situado na zona paralela da rúa Joaquín Costa, no entroncamento con José Adrio Barreiro. Acompañado por Jesús Cazorro, presidente da asociación veciñal A Eiriña, o concelleiro presentou o terceiro proxecto aprobado nos últimos meses por parte do Concello para esta zona da cidade.
Trátase da reforma integral do Parque da Palmeira, unha parcela de ao redor de 1.500 metros cadrados. Unha vez que os edificios en construción nese espazo atópase finalizados, está previsto comezar as obras para acometer a mellora desta zona creando un espazo de lecer e descanso.
Está prevista o investimento de preto de 50.000 euros para crear un paseo lonxitudinal paralelo a Joaquín Costa e en dirección á rúa 12 de novembro, coa instalación de mesas e cadeiras, ademais dun banco de obra que ocupará unha parte do perímetro da palmeira que dá nome ao parque. Tamén se reformará a zona axardinada con novas especies e con árbores de maior porte que ofrezan unha zona de sombra. Por último, acometerase unha mellora da iluminación e da fonte actual.
O prazo de execución será breve, segundo o concelleiro, de ao redor de dous meses. Espera que o proxecto se licite despois de Nadal e, segundo os seus cálculos, as obras iniciaríanse antes da próxima primavera.
Puentes lembrou que esta actuación combínase con dúas grandes obras nesta contorna: a reforma do parque de Amalia Álvarez coa instalación dun parque infantil e melloras en iluminación e xardíns; e a nova pasarela de 12 de novembro, que se executará a través do convenio asinado entre o Concello e a Deputación, que achegará 500.000 euros con previsión de que se contrate a obra a primeiros de 2022.