Ante a falta de iluminación de Nadal na rúa, tres portais de Camposanto únense para ofrecer unha imaxe alegre nestas festas

Pontevedra
20 de decembro 2020

Estas persoas que residen nos portais 38, 40 e 42 querían festexar o Nadal para animar aos máis novos e decidiron aportar pezas realizadas a man e outros materiais para ofrecer unha imaxe alegre da rúa, que carece de iluminación festiva

Decoración de Nadal nos portais de tres edificios da rúa Camposanto
Decoración de Nadal nos portais de tres edificios da rúa Camposanto / PontevedraViva

A rúa Camposanto, na zona da Parda, carece de decoración e iluminación de Nadal. As persoas residentes nesta zona sinalan que o Concello nunca iluminou esta vía nestas datas.

Ante esta situación e nun ano marcado por tantas restricións, varias familias dos edificios número 38, 40 e 42 decidiron levar a cabo unha iniciativa de decoración conxunta para ofrecer algo máis de alegría á rúa e, ao mesmo tempo, ilusionar aos máis pequenos destas vivendas.

A través de mensaxes de whatsapp, a veciñanza púxose de acordo en levar a cabo unha decoración dos tres portais con material feito a man e con elementos decorativos que atopasen pola casa. 

Desta forma, instalaron árbores de Nadal, decoraron as caixas de correos, encheron os espazos con estrelas e ata montaron un boneco de neve, coa idea de desexar que o 2021 sexa un mellor ano para todos e que achegue algúns elementos de iluminación do Nadal nesta contorna.