Un ano vestindo a familias de Poio con dificultades: "Supón un gran aforro para poder dedicar a outras cousas"

Poio
24 de novembro 2024

O roupeiro municipal de Poio cumpre un ano coa satisfacción de que "nunca estivemos desabastecidos". Nestes momentos andan escasos de pezas para nenos homes de 10 a 16 anos e piden doazóns

Natividad Torres, no roupeiro municipal de Poio
Natividad Torres, no roupeiro municipal de Poio /

O roupeiro municipal de Poio está de aniversario. Acaba de cumprir o seu primeiro ano de vida e, facendo balance, confirma que a poboación do municipio "funciona moi ben" á hora de demostrar solidariedade.

Desde a posta en marcha desta iniciativa en 2023, vivíronse xornadas "atarefadas" e, como todos os principios, foron "duros", pero sempre puido cumprir co seu obxectivo. "Nunca estivemos desabastecidos".

Confírmao a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, que xestiona o roupeiro xunto coa educadora familiar, Sheila Ferreira, e agradece a solidariedade veciñal en Poio, pois "hai moita necesidade; e cada vez máis".

Ambas levan o día a día desta iniciativa solidaria, que se puxo en marcha porque se detectou unha necesidade en Poio -"demandábannolo moito"- e nun ano deu servizo a 40 familias.

Tramitaron máis de 80 solicitudes, pois as familias adoitan acudir máis dunha vez ao ano, "normalmente, con cada cambio de estación," e moitas veces cada familia realiza varias peticións porque son varios membros.

Os usuarios habituais son familias con menores ao seu cargo, desde nais e pais a avós e avoas. "Temos unha avoa que leva roupa para 11 netos", explica Sheila.

O servizotivo moita acollida e notan os resultados. "Vir ao roupeiro supón un gran aforro para poder dedicar a outras cousas", explica a educadora familiar.

Como exemplo, Torres sinala que hai embarazadas que, antes de dar a luz, acoden e levan roupa ata que o neno ten tres anos, pero tamén capazos, cadeiras, berces... Todos eses gastos previos ao nacemento dun bebé supoñen un desembolso de diñeiro importante que poden aforrar e dedicar todos os ingresos ao resto de gastos do novo membro da familia.

A oferta é ampla, tanto de materiais para bebés csomo de pezas para todos os perfís, desde bebés a adultos de todas as idades, aínda que nestes momentos andan escasos de pezas para nenos homes de 10 a 16 anos.

Roupeiro municipal de Poio
Roupeiro municipal de PoioPontevedraViva

De nena e de muller teñen "moitísima" roupa, pois é a que máis lles chega, pero para homes adultos tamén van recollendo suficiente cada estación. A "principal demanda" agora mesmo está pensada para eses nenos e adolescentes.

Este proxecto é posible grazas á solidariedade veciñal. Todas aquelas persoas interesadas en doar pezas que xa non utilicen e que se atopen en boas condicións poden entregalas na Casa Rosada e o Pazo Bicada no seu horario de apertura, de mañá e tarde.

Toda esa roupa logo é obxecto dunha supervisión por parte de Natividad e Sheila, aínda que confirman que "adoita estar toda en óptimas condicións". Elas selecciónanas, dóbranas, colócanas en perchas e repártenas en dúas seccións, dúas salas diferentes do roupeiro, unha para adulttos e outras para bebés e nenos e nenas.

E xa queda lista para recollela. Cada martes, previa cita, todas as familias de Poio que se atopan nunha situación económica complicada poden acudir á Casa Rosada.

Poderán acudir todas aquelas familias que figuren rexistradas nos servizos sociais municipais pola súa especial vulnerabilidade. O único requisito será asinar un compromiso de que esa roupa non se venderá, senón que será para uso persoal dos seus beneficiarios.