Ano e medio de cárcere e 7.300 euros por queimar colectores en Juan Bautista Andrade

Pontevedra
14 de novembro 2024

O xulgado do penal número 2 de Pontevedra condenou a dous mozos que prenderon lume a oito colectores en Juan Bautista Andrade. O Concello celebra que a sentenza sexa "exemplarizante"

Colectores incendiados en Juan Bautista Andrade
Colectores incendiados en Juan Bautista Andrade / Concello de Pontevedra

Queimar ou esnaquizar calquer tipo de mobiliario urbano ten o seu castigo. Así o determinou o xulgado do penal número 2 de Pontevedra, que condenou a dous mozos que, en xaneiro de 2023, prenderon lume a oito colectores en Juan Bautista Andrade.

A sentenza, que o Concello celebra por ser "exemplarizante", castiga a estas dúas persoas, que tiñan 20 anos entón, a un ano e medio de cárcere como autores dun delito de danos en bens de uso público.

Ambos os dous recoñeceron os feitos ante o xuíz.

Ademais, o tribunal fixa unha indemnización de 7.308 euros ao Concello, a razón de 190 euros polo custo da intervención dos bombeiros e de 7.118 euros polo valor dos colectores calcinados e o custo da limpeza.

A maiores, cada un deles deberá pagar unha multa de 600 euros.

Os dous mozos queimaron varias illas de colectores situadas na rúa Juan Bautista Andrade. Foi en xaneiro de 2023 e o suceso xerou unha gran alarma no barrio.

A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso, ao recoñecer os feitos.