O ano 2024 rematou no Concello de Moraña cun remanente de tesourería de 1,2 millóns

Umia
01 de marzo 2025

O alcalde destaca a "moi boa saúde económica" do Concello grazas a unha "xestión impecable, eficaz, eficiente e moi respectuosa cos cartos de todos"

Luisa Piñeiro e Sito Gómez
Luisa Piñeiro e Sito Gómez / PP de Moraña

O Concello de Moraña pechou 2024 cun superávit orzamentario de 85.454 euros e elevou o remanente de tesourería ata os 1.164.147 euros a cifra de aforro máis elevada da historia do municipio.

Segundo a información facilitada polo Concello de Moraña, a Conta Xeral 2024 foi debatida na comisión informativa de Contas e saíu aprobada cos votos favorables do goberno local. 

O exercicio rematou sen débedas tras alcanzar uns ingresos "récord" por riba dos 4,5 millóns de euros.

O alcalde, Sito Gómez, explicou que estes ingresos permitiron "atender axeitadamente aos veciños cuns servizos públicos eficientes e uns investimentos máis que razoables que queremos seguir implementando e aumento no presente ano 2025". 

As contas do ano pasado pecharon cun resultado neto de 1.067.126 euros, o que supón un incremento de 155.000 euros con respecto ao do ano anterior, e un importante aumento do patrimonio neto do que dispón o municipio, que pasou de 19,8 millóns de euros ata os 21,1 millóns.

Desde o Concello de Moraña destacan que a liquidación económica do pasado exercicio confirma o "estrito cumprimento do principio de estabilidade orzamentaria", certificado polo superávit de máis de 85.000 euros, e unha boa situación en materia de liquidez, xa que a tesourería municipal dispón de 284.000 euros en efectivo.

O alcalde destacou, a través dun comunicado, a "moi boa saúde económica" do Concello  grazas a unha "xestión impecable, eficaz, eficiente, responsable e moi respectuosa cos cartos de todos" e sinalou que estas cifras "sitúannos en disposición de afrontar con total garantía todos os retos do futuro en aras do benestar e da calidade de vida dos veciños".