Unha procesión de ánimas percorreu silandeira este xoves o centro histórico da Boa Vila.
O desfile de defuntos da Santa Compaña atopou as rúas cheas de xente metendo medo.
Sabas, camisóns, roupas brancas, esqueletes, os farois decorados coma pantasmas, bruxas, cabazas, candeas, teas de arañas, corvos... todo para dar arrepíos e provocar algún susto.
Dende o mercado ata a Ferraría, a Compaña pasou pola rúa Real, Curros Enríquez e Soportais. Da Ferraría regresaron ao mercado pola rúa San Román, praza da Verdura e rúas Padre Sarmiento e César Boente.
A aula municipal de teatro de Pontevedra fixo posible esta procesión que contou coa música de Adarve.
Os pontevedreses, maioritariamente xente nova, caracterizáronse das personaxes máis terroríficas do cinema norteamericano.
Unha noite anormalmente calurosa para estas alturas do ano permitiu todo tipo de licencias cos disfraces e animou á participación nesta festa.
Este foi un dos principais eventos incluídos este ano en A noite dos calacús, o programa municipal para celebrar o Samaín en Pontevedra, que este ano centralizou case toda a súa actividade no mercado de abastos.
Alí celebráronse, entre outras propostas, talleres de cociña, elaboración de colares, maquillaxe de terror, disfraces de ánimas ou tallado de cabazas e sesións de contacontos.
Ademais, o mercado acolleu un concerto de música terrorífica e, como fin de festa, houbo postos de comida e bebida, así como unha sesión musical con Señora DJ.