A actividade física é, para moitos cidadáns, algo xa imprescindible nas súas vidas. Pero claro, a situación de confinamento que provocou o coronavirus está a complicar moito os adestramentos. Non se pode facer exercicio na rúa e os ximnasios e centros deportivos están pechados. De aí que moitos estean a apostar polas clases virtuais para exercitarse na casa.
Para axudar nestes adestramentos, o complexo deportivo municipal de Campolongo, en colaboración co Concello, vén de poñer en marcha o programa #YoEntrenoEnCasa, que estará aberto non só aos seus abonados, senón a todos os que queiran adestrar a distancia.
Así, o programa ofrecerá de xeito gratuíto máis de 300 clases virtuais impartidas por profesionais, entre as que se inclúen tonificación, baile, HIIT (adestramentos de intervalos de alta intensidade), meditación, ioga ou pilates.
O único que deben facer os que queiran participar desta iniciativa é rexistrarse na páxina www.beone.es/behome e seguir as instrucións. Chegaralles á súa bandexa de entrada un correo electrónico coas claves de acceso.
Ademais, Serviocio BeOne tamén oferta todos os días clases en directo, gratuítas e en aberto, no seu perfil oficial @beone_fitness_sport, e irá publicando no seu Facebook as gravacións das clases xa emitidas a través da súa páxina de Facebook.
O concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, explica que o obxectivo desta iniciativa é que os cidadáns "non se deixen vencer polo tedio" e manteñan unha boa forma física e mental, algo "se cabe aínda máis necesario" nestes días de confinamento.
Aínda que a iniciativa está aberta a todo o público, as actividades que se propoñen están máis orientadas cara unha poboación cun mínimo de hábitos de actividade física semanal.
Non obstante, Tino Fernández lembra que a persoas máis ou menos sedentarias poden atopar excelentes recomendacións para levar un estilo de vida saudable na páxina do Ministerio de Sanidade, en especial na parte dedicada ás persoas adultas.