Animan ás cidades a introducir "cambios" para "mellorar as condicións" da mobilidade en bicicleta

Pontevedra
11 de novembro 2020

A Rede de Cidades pola Bicicleta sinala que a bicicleta, dentro dun contexto global de emerxencia climática e crise de calidade de aire das cidades, xa era un dos "eixos principais" da mobilidade nas urbes españolas, un aspecto que se reforzou pola covid-19

Paseo de Silgar
Paseo de Silgar / Mónica Patxot

A Rede de Cidades pola Bicicleta asegura que a pandemia da covid-19 supuxo un "revulsivo" para as bicicletas como "alternativa de mobilidade" e insta a reforzar as infraestruturas para elas dentro da transformación urbana das cidades.

A xunta directiva desta rede, da que forman parte municipios de toda España, reuniuse de maneira telemática este mércores coa novidade da incorporación das deputacións de Pontevedra e Biscaia.

Por parte da Deputación de Pontevedra participou o deputado Uxío Benítez, responsable da área de Movilidad alternativa e Espazos públicos no goberno provincial.

Xunto a elas estiveron representadas a área metropolitana de Barcelona, de onde procede o director da rede, Antoni Poveda, ou as cidades de Sevilla, Murcia, Bilbao, Valencia, Valladolid, Alacante, San Sebastián, Zaragoza, Santander, Xixón, Palma de Mallorca, El Prat de Llobregat, Sant Boi de Llobregat, Fuenlabrada, Elxe ou Cáceres.

Este colectivo sinalou que a bicicleta, dentro dun contexto global de emerxencia climática e crise de calidade de aire das cidades, xa era un dos "eixos principais" da mobilidade nas urbes españolas, un aspecto que se reforzou pola covid-19.

"A bicicleta mostrouse como unha das alternativas máis seguras para evitar a propagación do virus", explican desde a rede presidida por Antoni Poveda, que anima ás cidades de todo o Estado para seguir o "referente" doutras metrópoles europeas e introducir cambios para "mellorar as condicións" da mobilidade en bicicleta.