A manifestación de apoio aos afectados polas preferentes e as participacións subordinadas quenta motores. Celebrarase este venres 10 de maio. Sairá ás 20.30 horas da Praza da Ferrería e tras percorrer varias das rúas máis céntricas de Pontevedra, concluirá ante a Subdelegación do Goberno. Os seus organizadores esperan unha ampla resposta cidadá xa que "isto xa é un problema social".
Así o cualificou Daniel Rabuñal, membro da Plataforma de afectados de Marín-Pontevedra, quen recordou que levan un ano "pelexando e pedindo unha solución", que pasa en todo caso "pola devolución de todos os nosos aforros". Entenden que esta problemática non só afecta xa aos que asinaron este complexo produto bancario "senón tamén a todos os sectores da sociedade porque son cartos que non temos e non podemos gastar".
Concretamente, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, apuntou que hai "máis de dúas mil familias pontevedresas" que teñen os seus aforros atrapados nas preferentes, un total de 52 millóns de euros. Por iso é polo que reiterase que "temos que transmitir á opinión pública que non só é un problema dos afectados, que afecta a toda a sociedade".
En todo caso, Fernández Lores explicou que a convocatoria desta manifestación, impulsada desde o Concello de Pontevedra, "é un exercicio democrático" co que se pretende "brindarlle a man a quen o necesita". Celebrou que se puido lograr un consenso entre todos os partidos e que se apoie de forma unánime esta protesta "porque temos que loitar porque lles devolvan os cartos, pola súa propia subsistencia".
O alcalde de Pontevedra apuntou que a estafa das preferentes enmárcase "nunha situación máis de fondo", na que incluíu a "perda" da xestión das caixas e do aforro galego ou un sistema "gobernado" polas grandes corporacións e a banca "que se esquece dos cidadáns". Por iso destacou a importancia da mobilización social "porque só entenden esta resposta".