Animado 'vermú tortilleiro' en Santa María da man do programa Pinto e Maragota

Pontevedra
20 de novembro 2023

Vinte e tres tortillas diferentes puidéronse saborear este domingo nunha nova edición do 'vermú tortilleiro' que se celebrou no Campiño de Santa María no marco do programa Pinto e Maragota

'Vermú tortilleiro' do programa Pinto e Maragota
'Vermú tortilleiro' do programa Pinto e Maragota / Concello de Pontevedra

Vinte e tres tortillas diferentes puidéronse saborear este domingo nunha nova edición do 'vermú tortilleiro' que se celebrou no Campiño de Santa María no marco do programa Pinto e Maragota.

O chef Pepe Vieira, a concelleira de Igualdade Anabel Gulías e o membro de Avante LGBT Miguel Ángel Velasco foron quen cataron, avaliaron e debateron na categoría "tradicional", da que resultou gañadora Ana García Fernández.

A súa tortilla, segundo o xurado, foi celebrada "pola textura, sabor e o punto exacto de sal".

A categoría 'queer' con ingredientes libres, que se inauguraba este ano, recibiu nove propostas con ingredientes do máis variado desde achegas veganas feitas con fariña de garavanzos en vez de ovos ata tortillas cociñadas con trufa, boletus, iuca, chourizo e mesmo espaguetis.

O xurado, formado polo chef Rubén González, Cristina Barreiro e Eva López por Avante LGBT, premiou a creación culinaria de Marián Vecino, realizada con cenoria e queixo de cabra, destacando "a textura, o sabor e o aspecto".

Tras a revisión do xurado, todo o público puido gozar do sabor de todas as tortillas participantes neste concurso, no medio dunha festa animada con música e vermús.