Este venres 15 de xaneiro foi a última xornada laboral da doutora Ángeles Feijoo-Montenegro Fernández, que ocupaba desde 2009 o cargo como Xefa Territorial da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia en Pontevedra.
Ángeles Feijoo-Montenegro é licenciada en Medicina e funcionaria desde 1992. En outubro de 2003 tomaba posesión do cargo como delegada provincial da Consellería de Sanidade, ocupando o debido a que deixaba Dolores Pan ao trasladarse como asesora da entón ministra de Sanidade, Ana Pastor.
Na mesma data na que ela se facía responsable da delegación, Jesús Vázquez Almuiña, que anos máis tarde se ía converter en conselleiro de Sanidade ata a súa substitución en 2020, ocupaba o posto de director do Servizo Galego de Saúde.
Esta xubilación prodúcese coa entrada na terceira onda da pandemia de covid-19 e Ángeles Feijóo-Montenegro era a máxima responsable, entre outras funcións, do Servizo de Alertas Epidemiolóxicas que dirixe o doutor Miguel Álvarez Deza, ao encargarse da xestión e control de brotes epidémicos, alertas e crises sanitarias ocupándose do seguimento do sistema de alerta epidemiolóxica. Na súa área tamén era a encargada de establecer a organización do programa galego de vacinas.
A Consellería de Sanidade aínda non fixo público o nome da persoa que vai ocupar o seu posto á fronte da Xefatura Territorial de Sanidade de Pontevedra.