A profesora Ángeles Cancela será a nova directora da Escola de Enxeñaría Forestal. O seu será un proxecto de continuidade para o centro educativo, pois xa leva dez anos como subdirectora e continúan o ata agora director, Juan Picos, que pasa a ser subdirector, e José Manuel Casas, que seguirá como secretario académico.
O pasado mes de novembro o proceso electoral pechou sen candidaturas e equipo directivo continuou en funcións ata a votación deste luns. Agora, a candidatura liderada por Cancela logrou o apoio da Xunta de Escola, nunha votación na que se rexistraron 20 votos a favor, un en contra e un en branco.
Unha vez elixida, Cancela interpretou o apoio á súa candidatura como un recoñecemento "ao traballo que fixemos estes anos" o actual equipo.
Profesora da Universidade de Vigo desde o ano 2000, Cancela imparte docencia na escola do campus pontevedrés desde hai preto de dúas décadas e desde 2014 exerce como subdirectora deste centro.
O equipo directivo encara unha nova etapa que supón unha reorganización do equipo e a xa nova directora sinalou que un dos retos neste mandato será "ver como mellorar" o número de alumnos e alumnas que se matriculan no Grao en Enxeñaría Forestal.
Cancela agradeceu a implicación de todo o persoal á hora de participar en iniciativas difusión ou transferencia, nas que "intenta difundir as virtudes de estudar" esta titulación e animou ás e os participantes nesta xunta de centro a "seguir todos por esta liña".
A nova directora destacou que a empregabilidade dos titulados é "moi alta" e que hai unha serie de factores que fan desta unha "titulación importante" de cara ao futuro, como a recente aprobación da regulación de restauración da natureza da Unión Europea, dirixida a promover "a recuperación de ecosistemas en todo o territorio comunitario" e o Pacto Verde europeo, que ten como obxectivo promover "a descarbonización da economía".
Insiste tamén en que o cambio climático agrava ameazas como os incendios forestais, fronte aos que "vaise precisar máis ciencia, máis investigación e máis formación".