Ángela Paz, proposta para o premio Cidade de Pontevedra

Pontevedra
22 de decembro 2016

A Asociación Socioeducativa e Cultural Paspallás propuxo para o Premio Cidade de Pontevedra 2016 a súa compañeira Ángela Paz García "pola súa calidade humana, a súa traxectoria profesional no eido da animación sociocultural e a súa participación activa como cidadá de Pontevedra"

Ángela Paz
Ángela Paz / Cristina Saiz

A Asociación Socioeducativa e Cultural Paspallás propuxo para o Premio Cidade de Pontevedra 2016 a súa compañeira Ángela Paz García "pola súa calidade humana, a súa traxectoria profesional no eido da animación sociocultural e a súa participación activa como cidadá de Pontevedra".

Na xustificación desta candidatura presentada por rexistro no concello de Pontevedra, Paspallás destaca de Ángela Paz que é unha "cidadá activa e comprometida coa súa comunidade".

Comezou a súa andaina profesional na Cruz Vermella Pontevedra e, posteriormente, na Asociación Española Contra el Cáncer. No ano 1999 fundou en Pontevedra a Escola de Tempo Libre Paspallás adicada á formación e a intervención educativa no ámbito non formal.

De maneira voluntaria participa activamente en actividades coma a ambientación da Feira Franca, como no xurado das parodias e desfile do Entroido, no deseño e ambientación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. 

Ángela "é tamén un exemplo de muller loitadora". Fai moitos anos que padece a enfermidade crónica de Crohn que a obrigou a deixar a un lado a súa intensa vida laboral e polo que lle foi recoñecida unha discapacidade funcional do 65%. "Soubo facer da súa debilidade a súa fortaleza" e a súa loita coa enfermidade levouna a crear no ano 2013, xunto con outras persoas enfermas, a Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (ASSEII), que dá apoio a persoas doentes e ás súas familias, ademais de visibilizar as dificultades das persoas que padecen este tipo de doenza, cun obxectivo moi claro: que todas as persoas poidan ter unha vida normalizada.

Dende alí promoveu a colaboración interasociativa con outras entidades vinculadas con diversas enfermidades ou discapacidades: Asociación Galega de Persoas Xordas (XOGA), Asociación de nenos diabéticos de Galicia, (ANEDIA), Asociación de Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e Asociación de Artrite Reumatoide, entre outras.

En resumo, segundo din dende Paspallas, Ángela Paz, "é unha desas persoas que sempre está disposta a escoitar e a axudar ós demais sen pedir nada a cambio cun único fin: mellorar a calidade de vida das persoas".