Ángel Moldes: "Se hai unha desgracia e os bombeiros non chegan a tempo a única responsable vai ser a presidenta da Deputación"

Pontevedra
23 de decembro 2017

O voceiro do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Ángel Moldes, lamenta que a institución provincial quedara soa na negativa á comarcalización dos parques de bombeiros

Ángel Moldes, na súa etapa como portavoz do Partido Popular na Deputación de Pontevedra
Ángel Moldes, na súa etapa como portavoz do Partido Popular na Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

"A ver que vai dicir a partir de agora se ocorre algo. Esperemos que non pase nada, pero se ocorre unha desgracia e os bombeiros non chegan a tempo a única responsable será a presidenta da Deputación, Carmela Silva". Así de directo e contundente se amosou o voceiro do PP na Deputación de Pontevedra, Ángel Moldes, que lamenta que a institución provincial sexa a única das deputacións galegas que se desmarca da proposta da Xunta de Galicia de comarcalizar os parques de bombeiros.

O voceiro popular considera que "é a mellor solución e os alcaldes sábeno e así o pediron. Había unha petición formal dos alcaldes de Ponte Caldelas, Barro, Poio ou Marín e incluso o alcalde de Pontevedra vía ben a comarcalización pero resultou que a que tivo que dar a nota sen propoñer nada foi a presidenta da Deputación de Pontevedra".

Moldes lamenta que "o que serve para as demais deputacións, para a FEGAMP e para todos os alcaldes da comarca, sen excepcións, non sirva para Carmela Silva que en teoría debería representar aos concellos da provincia".

A Xunta de Galicia, segundo explica Moldes, quería acabar cunha problemática que sofren os concellos da comarca de Pontevedra e aportaron unha solución que corrixiría esa problemática de emerxencias de maneira que a eses concellos puideran ir os bombeiros que estiveran máis próximos.