O portavoz do Partido Popular no Concello de Poio, Ángel Moldes, criticou a "irresponsabilidade gravísima" do goberno local de Poio por "non facer nada" ante a contaminación do fondo da ría.
O portavoz popular sinalou que os tres motores da economía do Concello de Poio son: o mar, o turismo e a hostalería, polo que a "pasividade" do BNG e o Partido Socialista no Concello á hora de decidir unha localización para a depuradora "agrava o problema" coa contaminación. "Primeiro foron os peches para o sector do mar e agora son para o turismo", dixo Moldes.
Así lembrou que despois da catalogación como Zona C para o marisqueo de navalla e ameixa desde Raxó ata Combarro, agora o que "periga" é o turismo co peche ao baño da praia de Raxó ao indicar as analíticas que as súas augas non son aptas. "Isto fai un dano para o turismo impresionante", afirmou o portavoz popular.
"O peor que se pode facer é a postura do concello: o avestruz, mirar para outro lado, meter a cabeza debaixo da terra e non facer nada a ver se se soluciona só, pois non, isto empeora", afirmou Ángel Moldes.
Moldes cre que despois de 22 anos como alcalde, Luciano Sobral "ten que asumir responsabilidades e tomar decisións", en concreto "dicir dunha vez por todas á Xunta onde quere situar unha depuradora".