Ángel Moldes anuncia a rebaixa de 4 puntos no recibo do IBI de Poio

Poio
18 de decembro 2024
Actualizado: 17:08

Os recibos do IBI devénganse o 1 de xaneiro de cada ano, polo que segundo os tempos administrativos, a redución aplicaríase nos recibos de 2026.

Rocío Cochón, Ángel Moldes e Tucho Muíños
Rocío Cochón, Ángel Moldes e Tucho Muíños / Concello de Poio

No pleno de decembro, o goberno local do Concello de Poio vai aprobar a baixada do recibo do Imposto de Bens Inmobles (IBI) en catro puntos, do 0,47% actual ao 0,43%.

Así o anunciou "ilusionado" este mércores o alcalde de Poio, Ángel Moldes, "imos facer realidade unha demanda da cidadanía de Poio e un dos nosos compromisos de goberno, aliviando a presión fiscal nun dos impostos máis significativos para os veciños, na redución que afecta dun xeito máis directo e amplo a toda a cidadanía", sinalou en rolda de prensa.

A baixada do IBI en catro puntos aprobarase no pleno de decembro e, posteriormente publicarase o acordo e exporase ao público. De non haber alegacións, comezaría a segunda fase, que é a aprobación definitiva. Os recibos do IBI devénganse o 1 de xaneiro de cada ano, polo que segundo estes tempos administrativos, a redución aplicaríase nos recibos de 2026.

Unha deducción de catro puntos que supón unha rebaixa de aproximadamente 300.000 euros, "que van volver ao peto das familias".

Neste senso, recoñeceu que é un "esforzo" para o Concello, "que estamos dispostos a asumir".

Moldes destacou que "cando practicamente todos os concellos de Galicia están subindo impostos, Poio é unha excepción, pero é unha decisión meditada, planificada e, sobre todo, xusta para a veciñanza".

"Como dixemos hai un ano, unha vez xestionada a difícil situación económica que herdamos, estamos xa en disposición de continuar coa nosa reforma fiscal", afirmou o alcalde.

Con todo, recoñeceu que para as arcas públicas suporá un "esforzo pola redución de ingresos" que conleva esta medida polo que reafirmou o compromiso do seu epuipo de goberno "para xestionar os recursos públicos de xeito eficiente e responsable", e asegurando que "en ningún caso a prestación ou a calidade dos servizos se verán afectadas".

Acompañado polos concelleiros Rocío Cochón e Tucho Muíños, el alcalde recordou que o ano pasado xa foi aprobada a primeira redución de impostos e taxas, a mediados deste ano aumentaron as bonificacións nos recibos do IBI e o número de familias numerosas que se poden acoller "e hoxe seguimos avanzando, damos un paso firme e decidido para baixar o IBI".