Ángel Moldes promete, como candidato do PP en Poio, resolver a ubicación da depuradora e a reforma da PO-308

Poio
02 de marzo 2015

Rafael Louzán presentou ao cabeza da listaxe popular ás vindeiras municipais para optar á alcaldía de Poio como unha persoa nova, con capacidade de liderado e conectada aos movementos asociativos

Rafael Louzán e Ángel Moldes, na sede provincial do Partido Popular
Rafael Louzán e Ángel Moldes, na sede provincial do Partido Popular / Mónica Patxot
Ángel Moldes preséntase como un candidato con decisión para Poio /

O presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán, continúa coa presentación dos candidatos ás eleccións municipais de maio e este luns 2 indicaba que Ángel Moldes era a aposta popular para a alcaldía de Poio pola capacidade de liderado, pola xuventude e pola implicación do candidato en múltiples actividades sociais, culturais e deportivas.

Ángel Moldes e Rafael Louzán coincidiron ao sinalar que, tras 20 anos de goberno de Luciano Sobral, é necesario un cambio que ofreza estabilidade e confianza entre os veciños de Poio.

Moldes indicou que os principais puntos nos que quere centrar o seu esforzo se encontran en toda a actividade relacionada co mar e alertou de que 800 persoas traballan no marisqueo no concello.

Neste sentido, o candidato popular indicou que a súa prioridade será buscar unha situación axeitada para a depuradora que está a provocar oposición en Samieira ou en Raxó. E que o seu obxectivo será reunirse cos técnicos para localizar a mellor localización lamentando que a mesa de traballo proposta por actual goberno local se creou "para xogar ao despiste".

Tamén apuntou a necesidade dunha mellora para a PO-308, vía fundamental de comunicación co Salnés, comprometéndose a lograr os terreos para a mellora desta infraestrutura viaria, ao igual que para as beirarrúas da estrada de Campelo.

"Toca tomar decisións", indicou Ángel Moldes alegando que o actual goberno bipartito entre o BNG e o PSOE en Poio non toman decisións. O aspirante engadiu que os veciños non se merecen que un candidato se presente para despois deixar o cargo producíndose un "cambio de cromos" no goberno, en alusión ao actual alcalde Luciano Sobral.