Ángel Moldes acusa a Carmela Silva de manipular os clubs de piragüismo de Vilaboa

Vilaboa
21 de outubro 2015

"Xa lle gustaría ao alcalde de Vilaboa, Luis Poceiro, que a nova presidenta da Deputación e compañeira de partido trate a Vilboa igual de ben que o fixo o anterior presidente", explica Moldes. E reta a Carmela Silva a que se cre que o PP discrimou a Vilaboa invista a metade do que investiu o anterior goberno neste concello, "a ver se é capaz"

Ángel Moldes
Ángel Moldes / Mónica Patxot

O deputado provincial e co portavoz do Partido Popular, Ángel Moldes, acusa á presidenta da Deputación, Carmela Silva, de visitar este martes Vilaboa para "utilizar o nome dun club de piragüismo co que o anterior goberno tiña unha relación excelente para mentir".

Carmela Silva denunciou que o anterior presidente provincial, Rafael Louzán, "mentiu" ao Club de Piragüismo de Vilaboa co que se comprometeu "de forma verbal" aínda que "non hai nin unha soa anotación, nin un só euro previsto para este club". Logo desas declaracións, Ángel Moldes asegurou que se hai un concello na provincia que lle serve de exemplo ao PP á hora de explicar que o anterior goberno na Deputación non discriminaba a ningún concello da provincia pola súa cor política "é precisamente Vilaboa".

"Xa lle gustaría ao alcalde de Vilaboa, Luis Poceiro, que a nova presidenta da Deputación e compañeira de partido trate a Vilaboa igual de ben que o fixo o anterior presidente", explica Moldes. E reta a Carmela Silva a que se cre que o PP discriminou a Vilaboa invista a metade do que investiu o anterior goberno neste concello, "a ver se é capaz".

Con respecto ás declaracións realizadas por Carmela Silva nas que asegura que Rafael Louzán deixou un compromiso verbal co club para a reforma das instalacións, pero ningunha anotación escrita, Ángel Moldes acláralle que se non hai nada consignado nin na Deputación nin no propio concello é porque non hai autorización de Costas para facer as obras, e  non porque se tratara de enganalos, como ela di.

Segundo explica, "o que de verdade nos ofende é que Carmela Silva intente manipular aos clubs sen informarse sequera do trato real que se lle deu a este e a todos os clubs de Vilaboa, tanto de piragüismo como de fútbol".