Anduxía advirte da ilegalidade na que incorre Portos de Galicia ao seguir co recheo da praia de Banda do Río

Bueu
30 de abril 2023

Desde este colectivo manifestan que Portos de Galicia non pode continuar unhas obras paralizadas por Costas do Estado ao realizarse sen permiso nunha zona de dominio público marítimo-terrestre. Critican tamén a actuación do alcalde Félix Juncal ao non opoñerse a estes traballos

Segunda proposta de Anduxía para a Banda do Río
Segunda proposta de Anduxía para a Banda do Río

O anuncio de Portos de Galicia de retomar o recheo de 80 metros cadrados da praia de Banda do Río no municipio de Bueu provocou a inmediata reacción docolectivo Anduxía, que pegou carteis de protesta contra o que consideran unha ocupación.

Esta asociación lembra que as obras foron paralizadas por Costas do Estado e, por tanto, retomar a actividade supón unha "ilegalidade manifesta" ao realizarse sen permiso en dominio público marítimo-terrestre. Anduxía entende que este proxecto se executa por "puro capricho" xa que o acceso pode discorrer polo firme do peirao lindeiro, eliminando ao redor dunha decena de aparcamentos.

Critican tamén a Félix Juncal, alcalde de Bueu, ao que acusan de ser un "aliado inesperado" ao "congratularse" de que Portos "se salte" a Lei de Costas e "aproveita para urxir ao ente público a rematar a rampla de Pescadoira (Club de Remo) sen demora, xa que interpreta rapidamente que tampouco lle fai falta permiso, a pesar de que o propio Portos neste caso di que si". Acusan a Juncal de que, ao preguntarlle polo recheo da Banda do Río, este utilice "pasapalabra". 

O colectivo asegura que Portos de Galicia continúa atacando ás praias de Bueu e cita que "esnaquizou Pescadoira", Beluso e agora, a praia de Banda do Río.

Anduxía propón dúas alternativas para que se modifique a actuación desta primeira parte do acceso ao peirao de pasaxeiros e evíten así a ocupación do dominio público.

Na primeira opción sinalan que o acceso debe transcorrer polo firme actual do peirao lindeiro sen necesidade para comer espazo á praia, eliminando os aparcamentos na zona e quedando un espazo amplo para os peóns.

Na segunda opción propoñen habilitar a vía central do peirao de Bueu con dobre sentido de circulación e converter a vía da zona oeste, de acceso ao peirao de pasaxeiros, nunha plataforma única con prioridade peonil.