Poucos alcaldes poden presumir, como o socialista Andrés Díaz, de duplicar o seu resultado electoral. Gobernará o próximos catro anos con maioría absoluta, tras pasar de tres a oito concelleiros. Recibiu o apoio de 1.810 veciños e veciñas do municipio (52,58% do censo), máis dun milleiro de votos máis que nas eleccións de 2015.
Horas despois desta abafadora vitoria, Díaz asegurou a PontevedraViva estar "satisfeito e agradecido" polo respaldo dos caldeláns. Entende que se trata dun "recoñecemento" ao traballo realizado durante o últimos catro anos.
O alcalde considera que os veciños do municipio tamén quixeron valorar a "atención personalizada" recibida durante o último mandato e apoiar un proxecto político "serio, viable e crible" para gobernar en Ponte Caldelas.
O socialista, que recoñece estar algo "sorprendido" polo incontestable resultado, afronta esta confianza tamén como unha "responsabilidade" ante a "esixencia" que supoñerá gobernar con maioría absoluta.
En todo caso, reitera que afrontará o seu novo mandato xa en solitario con "ganas, ilusión e forza" e promete traballar "a tope" desde o seu primeiro día.
Preguntado acerca das súas prioridades para o próximos catro anos, Andrés Díaz sinala que poñerá "todo o meu empeño persoal" en impulsar de maneira definitiva o complexo termal de Ponte Caldelas, un proxecto "imprescindible" para o municipio e que promete dar grandes réditos económicos e sociais.