Andrés Díaz propón a Jorge Cubela un estudo sobre a posible fusión entre Ponte Caldelas e Cotobade

Ponte Caldelas
05 de abril 2016

"Estou convencido de que os veciños prefiren o nacemento dun municipio de Primeira División con máis de 10.000 habitantes", afirmaba o alcalde de Ponte Caldelas

Os alcaldes de Cotobade, Jorge Cubela e Ponte Caldelas, Andrés Díaz
Os alcaldes de Cotobade, Jorge Cubela e Ponte Caldelas, Andrés Díaz

Andrés Díaz Sobral, alcalde de Ponte Caldelas, ofrece a Jorge Cubela, alcalde de Cotobade, a posibilidade de solicitar un estudo técnico elaborado co máximo rigor e credibilidade, sobre a fusión entre Ponte Caldelas e Cotobade. 

Díaz considera que debe ser a Deputación a encargada de emitir o informe previo vinculante en colaboración cos dous municipios. O alcalde de Ponte Caldelas falou de encargar un informe serio para avaliar o impacto económico, pero, sobre todo, a prestación de servizos municipais e as repercusións directas sobre a poboación. 

"Como alcalde de Ponte Caldelas animo ao meu colega de Cotobade a que teña a valentía de comparar ese escenario cunha posible fusión connosco", remarcaba Andres Díaz referíndose á fusión entre Cotobade e Cerdedo.

"Para que contentarse con pasar de 5.000 habitantes fusionando dous concellos de partidos xudiciais distintos cando iso significa seguir sendo un concello de Segunda División no que os servizos seguen sen estar garantidos", remarcaba o alcalde candelán.

En calquera caso o calendario da fusión entre Ponte Caldelas e Cotobade debería ser claro e transparente, con información puntual aos veciños. "Ou sexa algo totalmente distinto á chapuza que está en marcha", concluíu.

CARRETERA CAROI-CERDEDO

Díaz tamén engadiu que a postura do alcalde de Cotobade de priorizar o arranxo da estrada que vai de Caroi a Cerdedo, por diante do viario que une o seu municipio con Ponte Caldelas por Laxoso é unha boa proba do sen sentido partidista que dá as costas á xente. 

"Queda moi bonito vir ás reunións coa plataforma veciñal e declarar que hai un apoio institucional unánime, pero logo hai que defender iso mesmo nos despachos da Xunta de Galicia", acentuaba Díaz Sobral.