Andrés Díaz pídelle ao alcalde de Cotobade que escoite aos alcaldes e aos veciños, en lugar de mandar calar

Ponte Caldelas
13 de marzo 2016

O alcalde de Ponte Caldelas lamenta que haxa quen considera que se poden fusionar municipios sen estudos técnicos e de costas á xente. Pedirá unha xuntanza á presidenta da Deputación para suxerir a realización dun plan de integracións municipais que teña en conta a Ponte Caldelas

O pleno de Cotobade inicia o proceso de fusión con Cerdedo
O pleno de Cotobade inicia o proceso de fusión con Cerdedo / Mónica Patxot

"O meu colega de Cotobade non debería pedirlle aos alcaldes que calen", opina o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, "en lugar diso debería abrirse a un proceso de diálogo con todos os alcaldes e alcaldesas da contorna para axudalo a saír do lío no que se ten metido por tramitar de xeito escuro e sen ningunha base técnica o proceso de fusión con Cerdedo".

Así opina o alcalde á luz das declaracións que ven de facer o rexedor de Cotobade, Jorge Cubela, que cualifica como "moi desafortunadas".

"Os tempos, engade Díaz, non están nin para manobras electorais co truco demagóxico das fusións nin para partidismos. Se entre alcaldes non somos quen de poñernos de acordo para buscar o mellor para os nosos veciños, imos por mal camiño".

A xuízo do primeiro edil de Ponte Caldelas "resulta incrible que haxa quen opina que algo como a integración de dous municipios poida facerse sen ningún tipo de estudo nin planificación previos e que non fai falta ningún traballo previo por parte da Xunta ou da Deputación, sobre todo cando se trata de dúas institucións supramunicipais con claras competencias tanto no eido local como no propio proceso administrativo de alteración dos límites municipais. Haberá primeiro que determinar quen se fusiona con quen e por que. E haberá que explicarllo ben aos veciños antes de poñer a máquina administrativa en marcha. O contrario é unha chapuza".

"Lamento moito que Cubela diga que lle cansan as miñas opinións; eu estou encantado de escoitar as súas e por iso lle ofrezo colaborar activamente para tratar de atopar solucións acaídas e que melloren a calidade de vida dos veciños, que é do que se trata", afirmou o alcalde.

Andrés Díaz considera "urxente unha planificación global, feita dende as institucións supramunicipais para analizar un mapa racional de fusións a partir de criterios demográficos, socioeconómicos e de prestación de servizos. Só así iremos a algún lado e poderemos decidir quen se debe fusionar con quen. Encárganse estudos para xestionar o turismo de xeito comarcal  e Jorge Cubela pretende que pódense unir concellos "por la buena de Dios", co único requisito de que Núñez Feijoo poda dar unha rolda de prensa en Santiago".

"Algo que pode ser bo non pode quedar convertido nunha caricatura, como lle está a pasar a Cotobade e Cerdedo. Unha caricatura, ademais, pouco crible cando case todos os concellos dos que se está a falar no entorno de Pontevedra (Cerdedo, A Lama, Campo Lameiro...) comparten un perfil de alcalde que, pola súa idade, podería estar na recta final da súa traxectoria política. Trazar liñas para reaxustar o mapa electoral do Partido Popular é unha cousa moi distinta da que se está a vender".

Por este motivo, o alcalde adianta que vai solicitar unha entrevista coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, para analizar a posibilidade de que a Deputación realice un estudo destas características. "Un estudo que debería de ser de rango provincial, pero que, atendendo ás competencias do alcalde de Ponte Caldelas, solicitarase expresamente para o entorno deste municipio. Un estudo, remata Andrés Díaz, que debe estar feito da primeira á última liña pensando só nos intereses dos caldelenses".