Ponte Caldelas reivindicará este domingo cunha manifestación o valor e a defensa do rural fronte "aos ataques das administracións que gobernan dende un despacho sen ter en conta os concellos afectados, as terras, os ríos e o medio ambiente", dicen desde goberno local invitando a toda a cidadanía a participar.
A marcha partirá ás 12 horas desde o Concello de Ponte Caldelas percorrendo varias rúas do casco urbán e rematando na Alameda.
O alcalde Andrés Díaz lembra que no ano 2017, o goberno de Ponte Caldelas conseguiu parar o trasvase cando “a Xunta xa tiña o proxecto e estaba disposta a executalo. E freámolos porque saiu á rúa toda Ponte Caldelas e boa parte da comarca. Só faltaron os do PP de Ponte Caldelas, que quixeron protexer á Xunta e ó seu partido. Nesta ocasión agardo que estemos todos. Porque na defensa do rural non valen cores políticas nin bandeiras”, sinala o rexedor.
Recalca o socialista que o “futuro da nosa terra e do noso pobo non se pode decidir dende un despacho da Xunta, do Estado ou do Concello de Vigo, sen ternos en conta, faltándonos ao respecto e agredindo gravemente o noso medio ambiente".
"O domingo en Ponte Caldelas faremos unha defensa firme do rural, porque xa está ben de agresións con propostas de trasvases, de novos encoros, de proxectos industriais de parque eólicos e de liñas de alta tensión que atravesan o corazón dos nosos municipos cunha clara intención de continuar despoboando as nosas aldeas”, denuncia Díaz.
Por este motivo, o mandatario socialista anima a asistir a toda a veciñanza do municipio e dos concellos limítrofes, así como a todas as persoas do rural galego e que loitan pola defensa da terra, dos ríos e da vida.