O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Diaz, acaba de remitir unha carta ao director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, invitándoo a desbotar de xeito definitivo a idea do transvasamento do río Verdugo para abastecer o encoro de Eiras.
A carta insiste en que desbotar a idea "mal concibida e mal xestionada" do transvasamento permitiría poñer fin a unha "intranquilidade" social e institucional que "non pode nin debe prolongarse máis no tempo, nin quedar nun arquivo provisional ata que a alguén se lle ocorra volver defendela".
Andrés Diaz subliña que o Concello de Ponte Caldelas e Augas de Galicia deberían compartir o obxectivo común de facer o posible para que o río Verdugo "quede definitivamente a salvo desta ocorrencia" e lémbralle a Roberto Rodríguez que mantén a mesma postura contraria ao transvasamento nas tres xuntanzas que mantiveron desde o pasado mes de decembro para abordar este tema e que xa anunciou que levará aos xulgados todos os pasos administrativos que dea a Xunta de Galicia.
Ademais, a carta invita a Augas de Galicia a facer un estudo serio sobre as eivas que lastran o funcionamento do encoro de Eiras, dado que, entre outras cousas, non pode ser que se diga que non é aproveitable cando o seu nivel de ocupación está no 37% polas altas concentracións de ferro na auga.
Anímao tamén a analizar as posibles fugas ao longo do sistema e a implementar unha nova política da auga, baseada nos aforros e no uso sustentable tanto polos consumidores privados como polos xestores públicos, especialmente durante as prealertas e alertas por situación de seca.
A maiores, o alcalde de Ponte Caldelas invita a Augas de Galicia a aprobar un plan de investimentos para os concellos do Sur de Galicia financiado con cargo á recadación do canon de saneamento, que alcanza a cifra duns 50 millóns de euros ao ano en Galicia "e que agora vai parar maioritariamente a financiar convenios de corte caciquil só con concellos do PP".
O texto tamén ten unha parte de felicitación para o director de Augas por ter atendido o requirimento de Ponte Caldelas para que se anulase o procedemento de emerxencia para a tramitación da obra do transvasamento, o que na práctica supoñía saltarse todas as garantías de control en materia de contratación, exposición pública, petición de informes e expropiación.