Andrés Díaz levantou este sábado o bastón de mando de Ponte Caldelas por terceira vez. A ampla maioría absoluta que logrou co PSOE nas eleccións municipais garantiulle ser alcalde sen necesidade de apoios externos durante o pleno de investidura celebrado ao mediodía.
Non precisou os votos dos tres concelleiros do PP nin os dous do BNG para reeditar un Goberno no que promete unha liña continuista cos últimos oito anos e pelexará "por unha Ponte Caldelas que avanza, que está de moda e que vai primeiro, antes que calquera outra cousa".
Ademais de agradecer o apoio da poboación para poder gobernar, quixo aproveitar o seu discurso para sentar as liñas mestras do novo mandato que comeza para os oito concelleiros socialistas que integran o grupo de goberno.
Promete para este novo mandato un equipo de catro homes e catro mulleres caracterizado pola "honradez, integridade, transparencia total, vocación, dedicación total e paixón por Ponte Caldelas. Nin máis, nin menos".
Destacou Diaz que Ponte Caldelas é un concello que medra, cunha media de idade de 48 anos, que "dende o rural busca a súa posición" e que "marca rumbo a outros concellos que miran cara nós e se inspiran con nós". Así, presume de ser "un concello referente dende o rural nunha Galicia profundamente castigada pola sangría demográfica".
A súa gratitude vai dirixida aos 5.575 veciños e veciñas de Ponte Caldelas e asegura que vai gobernar para todos, tamén para os que non o votaron. "Dende o primeiro día que entrei no despacho da Alcaldía, fun o alcalde de toda Ponte Caldelas", lembrou, e comprometeuse a que continúe sendo así outros catro anos.
"Feliz" por este novo encargo de dirixir Ponte Caldelas ata o ano 2027, quixo pedir aos seus veciños e veciñas que sigan chamándoo Andrés, o seu nome de pila, "que é como me gusta que me chamedes. Nada máis que Andrés".
Durante o seu discurso recoñeceu que lle gusta "pouco" mirar polo retrovisor, porque "un alcalde debe, ante todo mirar adiante" e "o mellor sempre está por chegar" e na súa mesa mesa debe haber sempre ideas, proxectos e ansias de avanzar.