Andrés Díaz e tres dos seus concelleiros cobrarán dedicación no novo mandato

Ponte Caldelas
02 de xullo 2023

O alcalde e tres edís. Catro membros do goberno municipal de Ponte Caldelas cobrarán soldo das arcas públicas durante o novo mandato. Así se aprobou no pleno de organización que o municipio acolleu nos últimos días

Equipo de goberno de Ponte Caldelas
Equipo de goberno de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O alcalde e tres edís. Catro membros do goberno municipal de Ponte Caldelas cobrarán soldo das arcas públicas durante o novo mandato. Así se aprobou no pleno de organización que o municipio acolleu nos últimos días.

Andrés Díaz, que volverá asumir a xestión diaria de case todas as áreas municipais, terá unha das dedicacións exclusivas do novo goberno. Segundo desvelou el mesmo en redes sociais, cobrará un salario de 2.375,04 euros mensuais, uns 47.000 euros brutos ao ano.

"Eu cobro un soldo similar ao que percibía no meu traballo e considero que estou moi ben pagado. Encántame traballar por Ponte Caldelas, apaixóname que mellore, axudar aos meus veciños e non impórtame dedicarlle todo o meu tempo á miña labor", sinalou Díaz.

Ademais, o alcalde lembra que, a diferenza do anterior rexedor, ningún membro do seu goberno cobra cantidade algunha por dietas ou desprazamentos, asumindo cada un deles os gastos que xere o seu labor público ou de representación de Ponte Caldelas.

Os outros tres concelleiros que cobrarán un salario pola súa dedicación exclusiva ou parcial ás súas obrigacións municipais serán Leticia Rocha (1.945,61 euros ao mes), José Manuel Garrido -responsable de Obras- (1.574,04 euros ao mes) e Raquel López (710,12 euros ao mes).

A asignación por asistencia á comisión de goberno semanal será de 169 euros, que cobrarán só aqueles edís sen dedicación, mentres que a asignación que recibirán os grupos políticos por cada un dos seus concelleiros será de 300 euros.

Esta repartición non contou co apoio do PP que lamentou que o goberno municipal aplicara o "rodete" da súa maioría absoluta para subir o soldo ao alcalde e elevar o custo dos gastos políticos do municipio ata os 250.000 euros anuais.