A polémica contra o Parque Eólico dos Cotos continúa entre os grupos municipais dos concellos de Ponte Caldelas e de Cerdedo-Cotobade, que protestarán este domingo 9 de xaneiro diante da casa do concello de Chan acompañados de entidades, grupos políticos e asociacións.
Sen embargo, desde Ponte Caldelas, co alcalde Andrés Díaz á cabeza, consideran que as concentracións "amosan o rexeitamento social, pero os concellos podemos facer moito máis".
Neste senso, o rexedor critica que "non recibiu contestación á petición feita ó Concello de Cerdedo-Cotobade de comprometerse por escrito a presentar informes desfavorables contra o Parque Eólico dos Cotos nin á de denunciar e iniciar un proceso xudicial contra calquera administración que permita a implantación de parques eólicos no seu municipio".
Ademais, Díaz asegura que estaría disposto a ir da man con Cerdedo-Cotobade "se houbese un compromiso real e firme de parar este parque e iso demóstrase indo a por todas" e cree que "se non se compromete a denunciar, non quere implicarse realmente na defensa do seu concello, dos seus veciños e está a antepoñer os intereses das siglas do seu partido político".
Trátase dunha cuestión que para o rexedor de Ponte Caldelas está "visible ó organizar a concentración no lugar da Chan, en Carballedo, e non diante do edificio da Xunta de Galicia en Pontevedra, administración que está a tramitar o proxecto e que lle concedeu de xeito escuro a declaración de proxecto de interese autónomico o pasado mes de outubro".
Neste punto está tamén que o pasado mes de febreiro, a Xunta de Galicia aprobou a Lei de Simplicación Administrativa, unha lei que facilita a implantación de empresas eólicas, deixando soamente 15 días para presentar alegacións.
"Se a Xunta de Galicia lle pon unha alfombra vermella ás grandes compañías multinacionais para que arrasen co noso rural, o mínimo que debemos facer os concellos afectados é opoñernos de xeito contundente", explicou Díaz, que recalcou que desde Ponte Caldelas denunciarán "porque sabemos que podemos paralo".
Reunión en Cerdedo-Cotobade co director executivo da empresa especializada en medioambiente
Este sábado, véspera da protesta contra o parque eólico, o alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, e Víctor Bouzas, director executivo Tysgal Consultores, participaron nunha asemblea no pavillón de deportes de Carballedo sobre o proxecto do parque eólico dos Cotos.
O especialista en medioambiente e encargado de levar a cabo a presentación de alegación contra o parque explicou aos 150 veciños que acudiron que levarán a cabo unha estratexia con alegacións e argumentos para evitar que o proxecto chegue ó seu fin.