As posturas entre Ponte Caldelas e Augas de Galicia, lonxe de achegarse tras o seu primeiro contacto oficial, parecen estar máis afastadas que nunca. O alcalde asegura estar "completamente escandalizado" tras escoitar as explicacións do goberno galego ante unha obra que se está tramitando de xeito "hostil" contra o seu municipio.
Na xuntanza mantida entre ambas partes en Santiago, o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, garantiu que as obras de emerxencia da nova captación do río Verdugo, que se executarán durante os próximos meses, non afectará ao subministro de Ponte Caldelas.
O director, acompañando dos técnicos do organismo, explicaron detalladamente o proxecto. A nova captación de augas, engadiron, situarase augas abaixo da toma de Ponte Caldelas. Ademais, aseguraron que en todo momento se respectará a lexislación ambiental.
Roberto Rodríguez recordou que esta alternativa foi definida nas reunións dos días 24 e 27 de novembro celebradas en Vigo, ás que non asistiu Ponte Caldelas, e nas que se seleccionou a proposta final, e que esta información tamén se adiantou por correo electrónico.
Esta actuación considérase por parte de Augas de Galicia unha ferramenta máis coa que poder afrontar situacións de carestía de recursos hídricos como as que rexistradas nestes últimos meses. A súa execución, matizou Rodríguez, non responde só a problemática actual senón que pretende ofrecer solucións a máis longo prazo.
A versión que traslada Andrés Díaz, con todo, é radicalmente diferente. Asegura que o máximo responsable de Augas de Galicia recoñeceu a súa intención de seguir adiante coa obra e admitiu que a semana pasada xa aprobou a declaración de emerxencia, que o Consello da Xunta de Galicia deberá convalidar nun prazo máximo de dous meses.
Andrés Díaz afirma que despois desta xuntanza entende mellor por que Augas de Galicia era tan reticente a informar directamente ao Concello de Ponte Caldelas. "Estamos diante dunha tramitación hostil, que forza á lei ata o estremo e que está planificada para pasar por enriba do Concello e da veciñanza de Ponte Caldelas", sinalou.
O proxecto non se expoñerá ao público e tampouco se fará, segundo o alcalde, ningún tipo de estudo de impacto ambiental sobre o río Verdugo nin sobre os bancos marisqueiros do fondo da ría de Vigo. Tampouco solicitarán licenza de obras nin ningún informe previo aos concellos afectados, Ponte Caldelas ou Soutomaior.
O alcalde indicou que estamos diante dunha "gamberrada administrativa" da Xunta, que pretende quitar case a metade da auga que o Verdugo desaloxa en situacións de seca "sen molestarse en facer nin un papel", polo que se dará a batalla diante dos xulgados, solicitando a paralización cautelar do trasvase.
Ademais, Andrés Díaz denuncia que a obra se vai adxudicar "a dedo", que non van a recoller alegacións, que van asinar un convenio cun concello para facer obras noutros dous, que autorizarán a apertura das comportas cando consideren oportuno reducindo o Verdugo ao caudal ecolóxico e que van ocupar os terreos afectados sen listaxe de bens e dereitos afectados, sen actas de ocupación e sen xustiprezo acordado.
En relación a este trasvase, o alcalde tamén enviou un requerimento á Subdelegación do Goberno para coñecer as circunstancias polas que se enviaron patrullas da Garda Civil e da Policía Nacional para custodiar aos topógrafos dunha empresa privada que está a analizar os terreos por onde se pretenden instalar as tubaxes.
Ao tempo quere saber se a Subdelegación ten coñecemento da existencia de disturbios e tamén se se están a tramitar expedientes sancionadores contra as persoas que foron identificadas.