Ponte Caldelas falou claro. O socialista Andrés Díaz seguirá como alcalde catro anos máis e, ademais, farao cunha abafadora maioría absoluta. Logrou o 52,88% dos votos, o que se traduce en oito dos trece edís da corporación municipal.
O ascenso do PSOE, que con respecto a hai catro anos integrou a un dos partidos cos que cogobernou -Agrupación Veciñal de Ponte Caldelas (AVP)-, duplica o seu apoio popular en número de votos e pasa de tres a oito concelleiros.
É unha vitoria histórica neste municipio, tradicionalmente dirixido polo PP, que apoia a xestión que desde o Concello realizou Díaz nos últimos anos.
Este gran dato contrasta coa estrepitosa derrota do PP de Antón Xil, que cae a un 24,31% dos votos, case a metade dos que tiñan os populares, e quedarán con tan só tres concelleiros, dous menos que ata agora.
O BNG, encabezado por Lito Muíños, logrou manter os seus dous concelleiros na corporación ao obter o respaldo do 15,16% dos veciños de Ponte Caldelas, dous puntos máis que nas últimas eleccións municipais.
Ademais, os nacionalistas quedan a tan só oito votos de arrebatarlle un dos seus tres concelleiros ao PP, segundo os datos que recolle o Ministerio do Interior.
Preto de alcanzar o 5% dos votos quedou Cidadáns, mentres que o resultado de En Marea é peor -só un 2,78% de apoios-. Ningún deles terá representación.