Andrés Díaz advirte á Xunta da "inutilidade" das rebaixas para as parcelas da Central de Transportes

Ponte Caldelas
21 de febreiro 2019

O Goberno local de Ponte Caldelas expresa a súa "perplexidade" pola política da Xunta de Galicia ao respecto dos terreos da Central de Transportes, onde anuncia novas rebaixas, "a pesar de que é imposible conceder licenzas e, por tanto construír, por mor do bloqueo ao seu desenvolvemento urbanístico"

O alcalde Andrés Díaz na Central de Transportes de Ponte Caldelas
O alcalde Andrés Díaz na Central de Transportes de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O Goberno local de Ponte Caldelas expresa a súa "perplexidade" pola política da Xunta de Galicia ao respecto dos terreos da Central de Transportes, onde anuncia novas rebaixas, "a pesar de que é imposible conceder licenzas e, por tanto construír, por mor do bloqueo ao seu desenvolvemento urbanístico".

O equipo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) xa aprobou dúas mocións e pediu numerosas veces á Xunta de Galicia a aprobación dun regulamento "que é competencia autonómica exclusiva", ao estar os terreos afectados por un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. O borrador do regulamento foi redactado pola arquitecta municipal e presentado no Rexistro da Xunta de Galicia en novembro de 2016. Recolle tódolos aspectos acordados nas conversas cos técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo e Xestur.

"Pasados dous anos e catro meses permanece nun caixón de Santiago, por unha decisión política absolutamente inexplicable", di o alcalde nun comunicado.

Diante do anuncio realizado no Consello da Xunta do pasado xoves polo que se bonifica durante un mes cun 30% o prezo das 55 parcelas da Central de Transportes, o Goberno local caldelán reitera, unha vez máis, que sen ese regulamento urbanístico, que fixa as aliñacións das naves, fondos edificables, liña dos peches e outros parámetros indispensables, está "atado de pes e mans" e resulta imposible tramitar ou conceder licenzas municipais.

"Estamos diante dunha situación indignante que vai moito máis alá das lamentablemente habituais desavinzas entre Administracións con signos políticos distintos", afirma o alcalde, Andrés Díaz. "Xa non sabemos nin que facer porque nin sequera pedimos que invistan no noso Concello; tan só unha mera formalidade administrativa cun papel xa redactado, que deixen de frear a creación de postos de traballo nun solo industrial público galego".

A Central de Transportes, cos seus 86.963 metros cadrados, foi urbanizada en 2005 como seis grandes parcelas que non atoparon saída no mercado, agás unha onde se construíu unha gasolineira. En 2007, as cinco parcelas baleiras foron subdivididas pola Xunta en 55 pequenas parcelas que van dos 143 aos 1.215 metros cadrados.

Agora, "unha vez máis", o Goberno galego anuncia rebaixas dun 30% neste solo industrial. 

Uns prezos moi competitivos, dado que oscilan entre os 6.544 e os 55.112,40 euros, pero que "de nada serven diante da carencia dunha planificación urbanística adaptada". "Se aprobaran o famoso regulamento, igual nin sequera tiñan que rebaixar nada, porque interese empresarial haino", lamentan dende o Concello de Ponte Caldelas.