Cinco anos pasaron desde a seca do 2017 no que se chegara a plantexar un transvasamento de urxencia desde o río Verdugo ao encoro de Eiras, en Fornelos de Montes. Cinco anos despois e ante a escaseza de choivas dos primeiros meses do ano, desde o Concello de Ponte Caldelas advirten xa de que este pode ser un verán similar e que é moi posible que teña que haber novamente restriccións horarias no consumo de auga potable e incluso cortes en horario nocturno.
Tamén lembran desde Ponte Caldelas que, naquela época, "Vigo baldeaba as rúas e regaba os xardíns con auga potable". Mentres tanto "28 das 33 aldeas de Ponte Caldelas que xestionan a auga a través de traídas veciñais aplicaban restricións de auga aos usuarios ante a escaseza deste ben tan preciado", engaden.
Por todo isto, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, esixe ao seu homólogo vigués, Abel Caballero, que implante medidas na súa urbe para un consumo responsable, "sen derroches para evitar ter que facer transvasamentos e obras faraónicas que supoñen un gravísimo impacto medioambiental". Cómpre lembrar que da presa de Eiras beben once Concellos, dos que Vigo é o que máis auga consume.
“Un control sobre o baldeo das rúas e o sistema de rego dos xardíns e unha revisión a fondo da rede de abastecemento, para evitar fugas, son tres medidas básicas coas que se podería reducir notablemente o consumo de auga. O que se aprecia é que cinco anos despois da crise da sequía, Vigo continúa derrochando auga, cun consumo desorbitado e descontrolado”, indica Andrés Díaz.
“Abel Caballero fáltanos ó respecto propoñendo outra vez un trasvasamento dende o río Verdugo e propoñendo a barbaridade dun novo encoro no lugar de Forzáns. Que fixo o señor Caballero neste cinco anos para moderar o consumo de auga?”, continúa o rexedor socialista.
No só se dirixe Díaz ao seu compañeiro de partido, tamén alude a Augas de Galicia. "Quero tamén saber claramente a posición de Augas de Galicia, pois por moito que propoña o Concello de Vigo, a última palabra tena este organismo da Xunta, que en 2017 estaba de acordo e ía facer o trasvasamento dende o lugar da Roca. Entón parámolo e agora ímolo parar tamén”, lembra.
Coa construción do encoro de Eiras nos anos 70, os veciños de Ponte Caldelas xa viron como unha das súas aldeas quedaba somerxida baixo as augas. "Que 50 anos despois a historia volva repetirse parécenos un agravio intolerable contra o noso pobo”, reamata Díaz.