Cada fin de semana entran en Andorra La Vella, capital do país andorrano, uns 80.000 coches. Son principalmente turistas que acoden a pasar uns días alí e que "ocupan" as rúas da cidade. Por iso, unha representación dese concello -encabezado pola súa alcaldesa- visitou Pontevedra para "aprender" do seu modelo urbano.
Conxita Marsol Riart, cónsul maior da cidade -cargo equivalente ao de alcalde-, visitou este xoves o centro urbano de Pontevedra, acompañado do rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, e o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle.
Foi tras manter un encontro no Concello con técnicos municipais, que foron os encargados de explicar ao detalle as solucións adoptadas en Pontevedra para acougar o tráfico, peonalizar espazos urbanos ou mellorar a seguridade viaria no municipio.
"Me gustaría felicitar a Pontevedra porque la ciudad ha hecho una transformación muy importante y ha dado a sus habitantes una calidad de vida de primer nivel", destacou a política andorrana, que engadiu que este modelo "nos ha gustado".
A cónsul maior de Andorra La Vella explicou que o seu goberno proxecta peonalizar as principais zonas comerciais da capital e busca ideas para "limitar" os accesos ás persoas "que no tienen necesidad de ir a la ciudad".
Por iso, aínda que recoñece que a súa climatoloxía é "distinta" á de Pontevedra e a súa é unha cidade "que no es llana y tiene desniveles importantes", considera que hai determinada solucións que si poden ser aplicadas na súa cidade.
Así, citou expresamente a limitación a 30 quilómetros por hora a velocidade do tráfico ou avanzar na "convivencia" entre peóns, ciclistas e condutores. De todo iso, dixo, "tomamos muy buena nota" e estudarán como implantalo en Andorra.
A delegación andorrana, encabezada pola súa alcaldesa, contou tamén coa presenza dos seus conselleiros de Urbanismo, Josep Antonio Cortés; e Medio Ambiente, David Astrié.
Andorra La Vella é unha localidade de 23.000 habitantes e é cabeceira dunha aglomeración urbana que chega ata as 50.000 persoas. Conta con tres núcleos urbanos: Santa Coloma, A Marxinada e a propia Andorra La Vella.