Andorra La Vella fala de Pontevedra como a cidade "que inspirou" a súa transformación urbana

Pontevedra
18 de outubro 2019

Os responsables da cidade, con Conxita Marsol Riart, o seu cónsul maior -cargo equivalente ao de alcalde-, á cabeza, visitaron Pontevedra hai apenas dous anos e agora unha delegación da Boa Vila, encabezada polos edís Demetrio Gómez e Xaquín Moreda, coñeceron os avances realizados na capital andorrana en base ao modelo pontevedrés

Demetrio Gómez e Xaquín Moreda, en Andorra La Vella
Demetrio Gómez e Xaquín Moreda, en Andorra La Vella / Andorra La Vella

Andorra La Vella, a capital de Andorra, experimentou unha notable transformación urbana nos últimos anos. A súa prioridade, poñer aos peóns por diante dos vehículos no uso do espazo público. Trátase dun modelo, como eles mesmos aseguran, que está "inspirado" no deseño urbano polo que apostou Pontevedra hai xa dúas décadas.

Os responsables da cidade, con Conxita Marsol Riart, o seu cónsul maior -cargo equivalente ao de alcalde-, á cabeza, visitaron Pontevedra hai apenas dous anos e agora unha delegación da Boa Vila, encabezada polos edís Demetrio Gómez e Xaquín Moreda, coñeceron os avances realizados na capital andorrana en base ao modelo pontevedrés.

Ambos os dous concelleiros visitaron en concreto a remodelación peonil realizada na rúa Meritxel que, segundo a cónsul maior, realizouse seguindo o exemplo de Pontevedra.

Demetrio Gómez e Xaquín Moreda participaron ademais como conferenciantes no congreso 'Modelos de éxito de convivencia entre comercio e restauración', onde expuxeron que as actuacións realizadas para recuperar o espazo público para os cidadáns afectan positivamente á actividade económica dunha cidade.

Neste congreso, os representantes de Pontevedra compartiron mesa redonda coas delegacións das localidades catalás de Granollers e Terrassa e do municipio francés de Tolouse.