Andorra la Vella cambia o seu centro urbano inspirándose no modelo de Pontevedra

Pontevedra
23 de agosto 2019

Unha representación do goberno da capital máis alta de Europa visitou Pontevedra en marzo de 2017. Agora, a alcaldesa Conxita Marsol remitiu unha carta a Fernández Lores para que lle devolva a visita e comprobe os cambios realizados en canto a mobilidade no centro comercial da cidade situada nos Pirineos

Visita dunha delegación de Andorra La Vella a Pontevedra en marzo de 2017
Visita dunha delegación de Andorra La Vella a Pontevedra en marzo de 2017 / Mónica Patxot

En marzo de 2017, representantes do goberno de Andorra la Vella, coa alcaldesa Conxita Marsol Riart á fronte, visitaban Pontevedra para estudar o modelo de cidade. Pasados máis de dous anos, a rexedora enviou unha carta ao alcalde pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores para convidarlle a que visite a capital situada nos Pireneos e comprobar os cambios que executaron inspirándose na cidade do Lérez

Na carta, Conxita Marsol sinala que acometeron a remodelación do principal eixo viario e comercial da cidade, a avenida Meritxell, de máis dun quilómetro de lonxitude e a contorna deste espazo. 

A máxima representante de Andorra la Vella, a cidade máis poboada dos Pireneos con preto de 23.000 habitantes, sinala que convida a Fernández Lores para que vexa o cambio que a vila experimentou en mobilidade e pacificación urbana, ademais de para expresar o recoñecemento público á cidade que serviu de "modelo e inspiración" desa transformación, na que se dá preferencia aos peóns. 

O alcalde pontevedrés recolleu a invitación e comprométese a unha futura visita a esta capital, ademais de animala a que continúe co proxecto de mellora urbana. Ademais, lémbralle que Pontevedra volverá acoller con "moito agarimo" aos representantes da capital máis alta de Europa cando desexen repetir a visita.