Andaina para demandar a protección do Monte Pituco

Marín
11 de xullo 2016

Trátase dunha actividade organizada pola Plataforma en defensa dos Montes do Morrazo co apoio da asociación Monte Pituco, que reclama a reivindicación dos montes de San Xulián ante a construción dun polígono industrial proxectado polo Concello de Marín e pola Xunta de Galicia

Miradoiro do Monte Pornedo ou Monte Pituco
Miradoiro do Monte Pornedo ou Monte Pituco / Asociación Monte Pituco

Ao redor de medio centenar de persoas participaron nunha camiñada pola contorna do Monte Pornedo, tamén coñecido como Monte Pituco, organizada pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, con apoio da asociación Monte Pituco.

Estas dúas entidades reivindican con esta actividade a posta en valor dos conxuntos rupestres de Carrasca e de Champás para enlazar o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños coa ruta das mámoas do Morrazo.

Pero ademais, os participantes queren sensibilizar aos veciños de Marín do dano que supoñería a construción dun polígono industrial no Monte Pituco, tal e como proxecta o Concello de Marín e a Xunta de Galicia.

Entre os asistentes atopábanse representantes da Federación Ecoloxista Galega, que aprobou en asemblea apoiar a protección do Monte Pituco, ao entender que existe unha ameaza coa creación dunha área industrial nesta contorna natural.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo anuncian que continuarán con estas camiñadas reivindicativas á volta do verán.

Arquivado en