Anabel Gulías, voceira municipal do goberno de Pontevedra, ironizaba este luns coas críticas realizadas polo Partido Popular ao orzamento municipal para este 2020, ao que presentou unha emenda á totalidade. A representante do goberno local afirmaba que parecían apuntamentos sacados do "Rincón del Vago".
Con este argumento sinalaba que as propostas populares non eran serias para o principal grupo da oposición e que demostraban que os populares non dedicaran tempo a ler con detalle o documento nin a informarse sobre os procedementos.
En canto ás críticas sobre un "orzamento machista" realizada por Rafa Domínguez, voceiro do PP local, para Anabel Gulías esta expresión é unha "burla ao feminismo".
Lembrou que os catro postos de dirección xeral se concederon a catro homes porque non se presentaron mulleres ás candidaturas. Ademais, engadiu, a responsabilidade política das áreas estará dividida ao 50% entre homes e mulleres.
En relación á loita de poder entre BNG e PSOE para repartirse os cartos do orzamento, a voceira municipal apuntou a que se elaborou de maneira equilibrada dentro das reparticións dun goberno en coalición e atendendo á representatividade.
Anabel Gulías sinalou que agardaba algo máis por parte do Partido Popular sobre os orzamentos que se debatirán en pleno o vindeiro venres 7.