Ana Pontón ve "corrupción" nos intentos por darlle "visos de legalidade" á situación de Ence

Pontevedra
20 de marzo 2019

A portavoz nacional do BNG teno claro. Ana Pontón asegura estar "orgullosa" de todo o que fixo o goberno municipal de Pontevedra para conseguir que a fábrica de Ence se vaia de Lourizán, defendendo unha posición "firme e coherente" que recolle un "clamor" en toda Galicia

Ana Pontón e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
Ana Pontón e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores / Mónica Patxot

A portavoz nacional do BNG teno claro. Ana Pontón asegura estar "orgullosa" de todo o que fixo o goberno municipal de Pontevedra para conseguir que a fábrica de Ence se vaia de Lourizán, defendendo unha posición "firme e coherente" que recolle un "clamor" en toda Galicia.

"Ence non pode seguir nese emprazamento", reiterou Pontón nun almorzo informativo celebrado en Pontevedra, no que defendeu que as administracións non poden "saltar a lei" para "beneficiar" a unha empresa privada.

A dirixente nacionalista asegura que os intentos dos gobernos autonómico e central para "darlle visos de legalidade" á situación da empresa pasteira en Pontevedra é unha "forma de corrupción terrible" ante a cal os galegos " non podemos quedar calados".

A decisión do Estado de non defender nos tribunais a prórroga concedida polo executivo en funcións de Mariano Rajoy debe servir, dixo, para "abrir unha nova etapa" que supoña recuperar un espazo "vital" para a comarca, liberar os terreos que ocupa a fábrica e crear emprego en actividades relacionadas coa ría.

"Ninguén pode estar por encima da lei", reiterou a portavoz nacional do BNG, que entende que é "evidente" que Ence non pode manter a súa actividade en Lourizán e que debe ser a empresa e o Goberno os que busquen unha alternativa a este proxecto industrial.

Arquivado en