Ana Pontón reivindica o goberno local de Soutomaior como "o dream team da política municipal"

Soutomaior
23 de marzo 2025

Con motivo do acto organizado polo BNG de Soutomaior para facer balance no ecuador do mandato municipal, sinalou que Manu Lourenzo é "sen dúbida o mellor alcalde que tivo nunca este municipio"

Ana Pontón, en Soutomaior
Ana Pontón, en Soutomaior / BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou este sábado que o rexedor de Soutomaior, Manu Lourenzo, é "sen dúbida o mellor alcalde que tivo nunca este municipio".

Así o afirmou con motivo do acto organizado polo BNG de Soutomaior para facer balance no ecuador do mandato municipal, acto que aproveitou para felicitar a todo o executivo local polo “excelente” traballo feito.

Potón fixo extenivos os seus parabéns a todos os concelleiros e concelleiras que, tanto agora como ao longo dos anos na oposición, "deron o mellor de si a favor de Soutomaior".

"Estades demostrando como un grupo de persoas honradas, serias e solventes poden construír un futuro ilusionante, mellorando a vida da veciñanza", indicou a líder nacionalista.

No seu discurso, sinalou que "sei que a política municipal non é fútbol, pero se fora, o BNG ten o dream team da política municipal e por iso os concellos onde gobernamos son un exemplo de como facer ben as cousas a favor da maioría social".

A modo de balance dos preto de dous anos de mandato, Pontón destacou que o goberno do BNG en Soutomaior xa puxo en marcha un modelo de urbanismo pensado para as persoas, recuperando espazos públicos para favorecer a interacción social; e foi capaz de facer unha boa xestión e sanear as contas para dispoñer de recursos que poder investir no que precisa a veciñanza.

O BNG de Soutomaior conmemora o ecuador do mandato con Ana Pontón
O BNG de Soutomaior conmemora o ecuador do mandato con Ana PontónBNG

O goberno que lidera Lourenzo, subliñou, converteu Soutomaior nun concello que aposta pola lingua e cultura, nun concello feminista que defende a igualdade real das mulleres.

Para a líder do BNG, “en definitiva, Manu Lourenzo e todo o seu equipo son un exemplo da capacidade do BNG para poñer en marcha concellos que funcionan e a favor das persoas".

"Cantos concellos que estaban en decadencia pasaron a ser un referente da man dun goberno do BNG?", preguntouse Ana Pontón, que sacou peito de que "todos e cada un dos concellos que gobernamos iniciaron un camiño de futuro, de ilusión, de avance".

 

Destacou que un factor que impregna o modelo de éxito do BNG é o "capital humano", alcaldesas e alcaldes como Manu Lourenzo, concelleiros e concelleiras, como todos e todas as que compoñen o goberno local de Soutomaior, "demostrando cada día que non están no concello para quentar a cadeira, senón para suar camiseta polos vosos veciños e veciñas".