A campaña electoral de Ana Pontón fixo este luns unha nova parada en Pontevedra. Foi nunha Praza da Ferrería readaptada para a ocasión, e con distanciamento entre os asistentes, desde a que a líder nacionalista asegurou que o cambio en Galicia "é imparable".
"Rompamos coa rutina porque nada está escrito e podemos ter un goberno capaz de construír unha nova Galicia", defendeu Pontón, que estivo acompañada neste mitin, entre outros, por Anabel Gulías, Luis Bará e Miguel Anxo Fernández Lores.
A candidata do BNG apelou a que "todos os que queremos a Galicia" vaian a votar "con orgullo, con ilusión e desde a esperanza" para poñer á fronte do goberno galego a un partido que demostrou, segundo destacou, "que somos capaces de erguer este país".
Así o demostrou o BNG, segundo Ana Pontón, nas cidades nas que gobernan como é o caso de Pontevedra, da que celebrou que sexa un "exemplo" da capacidade para "transformar en positivo" a vida das persoas e que é a "evidencia" de que "hai outra forma de gobernar".
Tras destacar que Galicia "necesita este cambio máis que nunca", a candidata deixou claro que o BNG "vai a por todas" nestas elecciones porque Galicia debe ter un goberno "coas mans libres" que non teña "ataduras" con Madrid nin co Ibex 35.
"Se cun só deputado no Congreso fomos capaces de poñer Galicia no mapa, que non seremos capaces de facer cun goberno liderado polo BNG", engadiu a candidata nacionalista, que pediu que "non queden na casa" todos os que queiran "deixar atrás a Galicia decadente que nos deixa o PP", expresándose "ben claro e ben alto".
Ana Pontón concluíu asegurando que "non vós vou fallar, un goberno galego liderado polo BNG non lle vai fallar a este país porque temos un proxecto sólido, solvente, con principios e estratexia para a reconstrución do país", recordando ademais que o seu partido é o único que "mira polo noso".
Afirmou que o PP "leva 40 anos destrozando Galicia", entre outras cousas, por avalar a "estafa" das caixas galegas, non deter a destrución do tecido empresarial, non esixir "nin unha soa" competencia nova ou non apostar pola sanidade, a educación ou os servizos públicos.
A este respecto, a candidata do BNG explicou que este país "teno todo" para ser a "envexa" de Europa se aposta por unha economía "verde e sustentable" e polas enerxías renovables, se se converte nunha "potencia" en materia de innovación, se é capaz de "erguer" o seu medio rural, se impide que Ence "determine" a súa política forestal ou se defende os seus sectores produtivos.
"Necesitamos un goberno á altura da xente deste país, que diga as cousas claras e se deixe a pel por defender a Galicia", concluíu a líder nacionalista.
Pola súa banda, o candidato por Pontevedra, Luis Bará, asegurou que un goberno do BNG liderado por Ana Pontón será un goberno "a favor de Pontevedra" e porá fin a once anos de "abandono e discriminación" por parte da Xunta do PP.
"Imaxinemos que pode lograr esta cidade cun goberno que apoie proxectos fundamentais para o desenvolvemento de Pontevedra e a súa área", destacou Bará, que lamentou as actuacións paralizadas pola "inoperancia" e o "partidismo" do goberno de Núñez Feijóo.
Na cita coas urnas do vindeiro domingo, sinalou o candidato nacionalista, "trátase de apostar polo futuro" e por un novo proxecto de país que lle dea un "trato xusto" a Pontevedra e aos concellos da súa área.
Na súa intervención, o alcalde de Pontevedra asegurou estar "moi ilusionado" ante a "oportunidade real" de que Pontón sexa a próxima presidenta da Xunta, una "galega de pura cepa" que coñece Galicia "profundamente" e que sabe, engadiu Fernández Lores, "que cando nos poñemos somos capaces do mellor".
Iso é o que "entre todos", destacou o alcalde, se fixo en Pontevedra, unha cidade que se converteu en "referente" na recuperación do espazo público para as persoas, a pesar de "moitas veces botamos de menos a colaboración da Xunta".
"Aínda estou agardando a chamada de Feijóo para felicitarnos polo premio que nos deu a Comisión Europea. Ao mellor é que non o escoitou na TVG ou que non se alegra dos éxitos de Pontevedra porque non lle quere a esta cidade", sinalou o rexedor pontevedrés.
O alcalde subliñou que Pontevedra "merece xa un goberno que nos acompañe" e que teña "sintonía" coa cidade para avanzar no seu modelo de desenvolvemento.
PRESENZA DOS TRABALLADORES DE ENCE
A este mitin do BNG na Ferrería acudiron unha nutrida representación dos traballadores de Ence que, tras interromper a intervención de Luís Bará con bucinas e con berros de "Ence si, paro non", foron atendidos por Ana Pontón, que pediu ao público que deixasen falar ao seu portavoz.
Este traballador, megáfono en man, censurou que a propia Pontón encabezase manifestacións ante o posible peche de empresas en Galicia e non fixese o mesmo coa compañía pasteira, polo que lle preguntou "por que non defende o noso pan e os traballos que dan para comer ás nosas familias".
A líder nacionalista, durante a súa intervención no mitin, asegurou que defende a continuidade de Ence en Galicia "pero hai que trasladala de lugar" e limitar a súa influencia sobre a xestión do monte galego para evitar que "arda ano tras ano". Ademais, lamentou que a empresa "crea que pode mangonearnos e silenciarnos".