O Bloque Nacionalista Galego (BNG) centrou este sábado 17 de agosto a súa actividade en Pontevedra para conmemorar o Día da Galiza Mártir.
Unha ampla representación da formación política, coa súa portavoz nacional Ana Pontón á cabeza, participou xa pola mañá no acto central de homenaxe a Alexandre Bóveda celebrado na Caeira, mentres que pola tarde organizou a súa propia cita política na pontevedresa praza de Curros Enríquez ante o busto do poítico galeguista.
"Hoxe mantemos viva a memoria dun home moi relevante, porque o 17 de agosto de 1936 a barbarie fascista deixou a Galiza sen o seu máis grande arquitecto político, porque hai que lembralo unha e mil veces: o gran artífice da construción do Partido Galeguista e da consecución do Estatuto de Autonomía, o auténtico cerebro organizativo do nacionalismo da preguerra, foi Alexandre Bóveda", afirmou Ana Pontón.
"Foi o mártir que simboliza hoxe ás miles de persoas fusiladas en toda Galiza naquel terrible 1936", defendeu a portavoz nacionalista en referencia a unhas persoas coas que o BNG "ten un compromiso claro, o de que haxa xustiza, verdade e reparación".
Pontón reivindicou ademais a figura de Bóveda para reclamar un modelo de financiamento para Galicia "que nos dea a chave dos nosos cartos, un modelo de concerto económico galego que nos dea plena capacidade de recadación de todos os impostos a través dunha Axencia Tributaria Galega que permita mellorar a vida da xente", criticando o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, polo "esperpento" que supón ao seu xuízo seguir as directrices marcadas desde o PP nacional que dirije Alberto Núñez Feijóo "sen importarlles que a súa submisión fai que Galiza perda".