A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, presentaba este luns os integrantes da lista por Pontevedra, que se atopa encabezada por Luís Bará nun acto que se celebraba durante o mediodía na zona peonil da rúa Benito Corbal da cidade.
Luís Bará indicou que a formación nacionalista ten unha actitude positiva e construtiva para esta camapaña na que, alertou, "non é tempo de improvisacións". Destacou a necesidade de transformar á Xunta de Galicia nun goberno galego e culpou ao Partido Popular de convertela nunha xestoría do goberno de Madrid. O candidato do Bloque pola provincia avogou por construír un país máis xusto.
Pola súa banda, Ana Pontón iniciou a súa intervención sinalando que o BNG era o motor dun cambio real e, a continuación, sufriu un lapsus ao refererirse a Bará como o candidato da Coruña, que foi corrixido de inmediato para, entre bromas, indicar que estes erros eran a forma de ter presenza nos medios "se non, unha non sae en ningún lado".
Ana Pontón destacou que hai que evitar que desde Madrid impoñan as peaxes máis caras do Estado, como o da AP-9, ou a concesión da prórroga da fábrica pasteira de Ence na ría de Pontevedra. A candidata destacou que o nacionalismo loitará polo avance, o progreso e o benestar do país.