Ana Pontón afirma en Pontevedra que o BNG pedirá a reprobación no Parlamento dos xuíces do caso da Manada

Pontevedra
28 de abril 2018

A portavoz nacional da formación nacionalista asistiu a unhas xornadas de traballo que se celebraron no Centro Sur de Campolongo baixo o título Retos desde Galiza para avanzar en feminismo 

Ana Pontón nas xornadas de traballo organizadas polo BNG en Pontevedra
Ana Pontón nas xornadas de traballo organizadas polo BNG en Pontevedra / BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asistía en Pontevedra ás xornadas de traballo organizadas polo partido nacionalista baixo o título 'Retos desde Galiza para avanzar en feminismo'.

Pontón mostrouse orgullosa de vivir nun país no que a cidadanía sae á rúa para mostrar que as mulleres están en desacordo coas sentenzas que destilan o "máis rancio machismo xudicial", en referencia ás concentracións que se están desenvolvendo durante estes días con motivo do fallo xudicial aos integrantes da Manada.

A máxima responsable do Bloque indicou que levará ao Parlamento de Galicia unha proposta para que se reprobe os maxistrados que ditaron a sentenza.

Entende que se trata dun caso que afecta a todas as mulleres e que é necesario que as agresións sexuais sexan xulgadas como casos de violencia de xénero. Avoga ademais porque se adopten medidas para que os xuíces que emitan sentenzas machistas sexan apartados da carreira xudicial. Ana Pontón sinalaba en Pontevedra que se trata dun caso máis de machismo xudicial.

"É evidente que coa actual lexislación eses cinco machotes podían ter sido condenados por violación cando menos ao 22 anos de pena que solicitaba a Fiscalía", indicou a portavoz nacional do BNG. Pontón considera necesario ante estas situacións que se fortaleza o feminismo organizado en Galicia e tamén no ámbito político.