Ana Pastor visita a sede da Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal

Pontevedra
07 de xullo 2023

A número 1 do Partido Popular ao Congreso e Pepa Pardo, número 1 ao Senado, visitaron as instalacións para poñer en valor o traballo que fai este colectivo. Ana Pastor prometeu que, se o PP goberna tras o 23X, convocará mil prazas extraordinarias de médicos de familia

Ana Pastor e Pepa Pardo visitan as oficinas de ASSEII
Ana Pastor e Pepa Pardo visitan as oficinas de ASSEII /

Ana Pastor e Pepa Pardo, números 1 do Partido Popular de Pontevedra ao Congreso e ao Senado, acudían este venres ás oficinas de ASSEI, a Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal, situadas en Sor Lucía. 

Este encontro forma parte das entrevistas que os populares manteñen con entidades e asociacións para coñecer as súas necesidades e, ao mesmo tempo, explicar as medidas polas que aposta o PP.

Pastor destacou o labor que exerce esta asociación desde hai anos e escoitou as súas propostas en materia de fármacos, alimentación e produtos sanitarios.

"A sanidade é unha prioridade no proxecto político do Partido Popular", explicou a representante política para prometer que "o primeiro que imos facer no Goberno será convocar mil prazas extraordinarias de médicos de familia".

Sinalou que no proxecto do PP inclúense programas para traballar con todas as asociacións de pacientes que "deben ter máis protagonismo e relevancia" e lembrou a Lei de autonomía do paciente, que se aprobou cando Ana Pastor era ministra de Sanidade para recoñecer os dereitos individuais dos pacientes. Explicou que é necesario mellorar a lexislación actual e avogou pola colaboración de asociacións e pacientes para estudar prestacións, servizos e funcionamento do sistema sanitario. 

Sostivo que os esforzos dos populares se alcanzan o goberno centraranse en "garantir a sanidade pública, universal e gratuíta de gran calidade".